----

O CONSELLO DA CULTURA PRESENTA ESTE MARTES OS "IX ENCONTROS PARA A NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA"

O Consello da Cultura Galega (CCG) acollerá este martes, día 18 de outubro, ás 12:00 horas, a rolda de prensa de presentación dos "IX ENCONTROS PARA A NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA". As xornadas, que se celebrarán os días 20 e 21 de outubro, constitúen un foro de referenza anual para a análise da política lingüística en Galicia e para o debate e a formación dos especialistas en sociolingüística. O evento está organizado polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, pertencente ao CCG.

Na rolda de prensa, que terá lugar ás 12:00 horas no salón de actos do CCG (Pazo de Raxoi, 2º Andar, Santiago de Compostela), participará Manuel Bermúdez, membro do Comité organizador dos Encontros, e Henrique Monteagudo, secretario do Consello da Cultura Galega e responsable do seu Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia e da Sección de Lingua.