----

As xornadas sobre "A protección dos Camiños Históricos en Galicia" subliñan as carencias tamén nos Camiños de Santiago

As xornadas sobre “A protección dos camiños históricos en Galicia” iniciadas onte, concluirán na mañá do xoves día 7 no Consello da Cultura Galega analizando a protección dos Camiños de Santiago. Organizadas pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais, que coordina Iago Seara, as xornadas chamaron a atención sobre a necesidade de que a Lei 3/1996 de protección do Camiño de Santiago se estenda aos restantes camiños históricos, ou sexa, todos os que serviron a unhas relacións entre os núcleos, previas ao trazado das estradas a partir da segunda metade do século XVIII. Mal poderán estaren protexidos os camiños históricos se non o está debidamente o Camiño de Santiago por antonomasia, como apuntou o profesor Carlos Amoedo Souto, que definiu a Galicia como "primeira potencia polo número de camiños históricos" e "primeira impotencia no tocante á súa desprotección". As sesións foron inauguradas polo presidente do CCG, Ramón Villares e o conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez Abad.

As xornadas sobre

As xornadas, coordinadas por Carlos Nárdiz e Yolanda Barriocanal, ofreceron hoxe tres relatorios e unha mesa redonda. O arquitecto Xosé Ramón Menéndez Luarca disertou sobre "Os camiños e a construcción histórica do territorio" e o enxeñeiro de camiños e profesor da Universidade da Coruña, Carlos Nárdiz, ocupouse da "dimensión cultural e o dominio público cultural dos camiños históricos en Galicia". Pola súa parte, Yolanda Barriocanal, profesora de Historia da Arte da Universidade de Vigo, reflexionou sobre "A utilidade dos recoñecementos para a determinación do trazado dos camiños históricos sobre o territorio e para a toma de conciencia da súa patrimonialización cultural".

Pola tarde, a segunda sesión, dedicada á “A protección dos camiños históricos: un feito máis nos procesos de patrimonialización cultural”, incluiu unha mesa redonda sobre A PROTECCIÓN XURÍDICA E URBANÍSTICA DOS CAMIÑOS HISTÓRICOS moderada por María Dolores Méndez Torres, Directora do Departamento de Xestión Xurídico-Administrativa do Instituto de Estudos do Territorio, e na que interviron:
Julián Alonso García, Xefe de Sección Xurídica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e infraestructuras.
Carlos Amoedo Souto, Profesor titular de Dereito Administrativo e vogal da Comisión de Patrimonio Histórico da Provincia da Coruña.
María Diz Rodríguez, Subdirectora Xeral de Protección de Patrimonio Cultural.
Ricardo Polín, Doutor en Filoloxía Medieval e historiador.
Francisco Javier Sanz Larruga, Catedrático de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña.
As reflexións, coas excepcións de Carlos Amoedo Souto e Ricardo Polín, xiraron arredor da situación dos Camiños de Santiago e, nomeadamente, do Camiño Francés, adiantando en parte os contidos previstos para mañá.

XOVES, 7

O xoves día 7, só en xornada de mañá, o tema será “A protección dos camiños de Santiago” e incluirá un relatorio e unha mesa redonda.

09:30 h. A DELIMITACIÓN E PROPOSTA DE PROTECCIÓN DOS CAMIÑOS DE SANTIAGO POLA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA GALEGA
Preside: María del Carmen Martínez Insua, Directora Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia.
Relator: Ignacio Cerrada Gonzalo, Xefe do Servizo de Planeamento e Inventario da Xunta de Galicia.

11:00 h. Mesa redonda. A PROTECCIÓN DOS CAMIÑOS DE SANTIAGO
Modera: Iago Seara Morales, Coordinador da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do CCG e interveñen:
Ignacio Cerrada Gonzalo, Xefe do Servizo de Planeamento e Inventario da Xunta de Galicia.
Marcial Gondar Portasany, Catedrático de Antropoloxía Social da Universidade de Santiago de Compostela.
Teresa Nieto Freire, Arquitecta do Servizo de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia.
Daniel Pino Vicente, Sociólogo e urbanista. Antón Pombo Rodríguez, Membro do Comité do Camiño de Santiago.
Marcial Rodríguez Rodríguez, RVR.
Ás 14 horas procederase á clausura das xornadas e á presentación das conclusións.