NOTICIA

----

A Xunta considera a delimitación un instrumento básico para a protección dos Camiños de Santiago

A Xunta de Galicia considera a delimitación un instrumento básico na protección dos Camiños de Santiago e así o subliñou hoxe María del Carmen Martínez Ínsua, directora xeral do Patrimonio Cultural, na clausura das xornadas “A protección dos camiños históricos en Galicia”, celebradas desde onte no Consello da Cultura Galega. No inicio da sesión de hoxe Ignacio Cerrada, xefe do Servizo de Planeamento e Inventario da Xunta, significou a importancia dun plan de xestión que coordine as actividades dos diferentes axentes interesados.
A Xunta considera a delimitación un instrumento básico para a protección dos Camiños de Santiago

Ignacio Cerrada defendeu logo os seus criterios no curso dunha mesa redonda na que interviron tamén: Marcial Gondar, catedrático de Antropoloxía Social da Universidade de Santiago de Compostela; Teresa Nieto, Arquitecta do Servizo de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia; Daniel Pino, sociólogo e urbanista, e Antón Pombo Rodríguez, membro do Comité do Camiño de Santiago. O panel foi moderado por Iago Seara, coordinador da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega.

Fronte a algunhas análises críticas sobre a desprotección dos Camiños de Santiago, expresadas por Teresa Nieto e as reservas de Antón Pombo, Daniel Pino e Marcial Gondar, Ignacio Cerrada reafirmouse nos seus argumentos a favor dunha protección “realista e cooordinada que teña en conta a funcionalidade” e apelou ao diálogo como método para ir cumprindo obxectivos con criterios de “positividade”.