----

Catrocentas voces participarán na xornada “No bico un cantar. Nenos e nenas cantan a Rosalía” nos 150 anos de “Cantares gallegos”

O Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia presentaron hoxe no Museo “Centro Gaiás” da Cidade da Cultura a xornada “No bico un cantar. Nenos e nenas cantan a Rosalía” que terá lugar o día 7 de xuño ás 17´30 h. na praza da Quintana en Santiago de Compostela. Catrocentos nenos e nenas de 8 a 12 anos dos centros de ensino musical (conservatorios, escolas municipais e coros infantís) cantarán os poemas “Maio longo”, “Rosa de abril”, “En Cornes” e “Negra sombra”, xunto co grupo de metais “Hércules Brass”, dirixidos por Maximino Zumalave. O Conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez Abad e o presidente do CCG, Ramón Villares, presentaron a xornada que ven sumarse aos actos conmemorativos do 150 aniversario de “Cantares gallegos”. Toda a información e as partituras poden descargarse en: http://www.consellodacultura.org/rosalia2013/nenos_rosalia.php
Conectate o Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:
Catrocentas voces participarán na xornada “No bico un cantar. Nenos e nenas cantan a Rosalía” nos 150 anos de “Cantares gallegos”

A participación estará limitada a 20-25 nenos e nenas por cada centro e o prazo de inscrición para os centros estará aberto ata o vindeiro 15 de abril. A selección inclúe dous poemas de “Cantares gallegos”: “Rosa de abril” (partitura de Andrés Gaos) e “En Cornes” (partitura de Octavio Vázquez) e dous de “Follas novas”: “Maio longo” (partitura de José Baldomir) e “Negra sombra” (partitura de Juan Montes).

No acto de presentación da xornada interviron o director de orquestra e do evento e coordinador da Sección de Música e Artes Escénicas do CCG, Maximino Zumalave; a vicepresidenta do CCG e coordinadora das actividades dedicadas ás conmemoracións rosalianas, Rosario Álvarez; o presidente do CCG, Ramón Villares, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, Xesús Vázquez Abad. Participaron asemade o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e a directora da Fundación Cidade da Cutlura, Beatriz González Loroño.