----

Jorge Riechmann: “Se aspiramos de verdade á sustentabilidade, estamos a falar dun cambio de modelo”

“Se aspiramos de verdade á sustentabilidade, daquela non estamos a falar de melloras incrementais, senón dun cambio de modelo, ou sexa, doutra forma de producir, consumir, traballar, desplazármonos”. O profesor de Filosofía moral da Universidad Autónoma de Madrid, poeta, ensaísta e referente do ecosocialismo, Jorge Riechmann teno claro e así o plaantexou hoxe na súa intervención no seminario interdisciplinar “O(s) sentido(s) da(s) cultura(s)” cunha reflexión sobre o tema “Cara unha cultura da sustentabilidade (valores, cambio cultural e ecosocialismo no Século da Gran Proba)”. O seminario, organizado polo Consello da Cultura Galega e coordinado polo profesor Ramón Maiz, está en marcha desde febreiro de 2007 como espazo para a reflexión sobre os significados e os retos da cultura no tempo presente. Noventa persoas seguiron o seminario no salón de actos do CCG.
Jorge Riechmann: “Se aspiramos de verdade á sustentabilidade, estamos a falar dun cambio de modelo”

Jorge Riechmann (Madrid, 1962) intentou disipar “algúns equivocos sobre capitalismo, desenvolvemento e sustentabilidade” e subliñou a necesidade de “garantir a sostibilidade dos hoxe moi insostibles sistemas humanos” porque “non son os ecosistemas os que están a dar problemas, senón as sociedades humanas as que están a chocar violentamente contra os límites biofísicos do planeta”. Ou sexa, a crise ecolóxica non é un problema ecolóxico senón un problema humano e necesitamos “redescobrir os equilibrios entre natureza e sociedade”. Dito doutro xeito: “Nun planeta finito, con seres finitos, a sustentabilidade é incompatible cun sistema económico que necesita vender cantidades sempre crecentes de mercadorías, sen límite, para subsistir. Podes ter sustentabilidade ou podes ter capitalismo, pero non podes ter ambos os dous á vez”, aseverou.

Para o filósofo ecosocialista o noso problema non debería ser qué facemos cos resíduos, senón cómo organizamos a produción, o traballo e o consumo, como organizamos o cambio de modelo. Riechmann entende que en sociedades con mercados “a fiscalidade ecolóxica é probablemente a pedra de toque para calibrar a vontade dos sectores dirixentes de avanzar cara unha sociedade sostible” e lamentou que os gobernos do PSOE e do PP “se opuxeran a unha carga fiscal crecente sobre os combustibles fósiles armonizada a escala europea”. Sería un paso importante que debería ser seguido polas “urxentes” transformacións estruturais -nas institucións políticas, no sistema do crédito, na economía produtiva- porque “ningunha suma de cambios nos hábitos individuais de consumo pode sustituir as transformacións estruturais”.

ÉTICA, ECOLOXÍA, ECOSOCIALISMO

A actividade académica especializada de Jorge Riechmann versa sobre ética e ecoloxía; agroética; ética aplicada ás novas tecnoloxías (biotecnoloxías, nanotecnoloxías…); filosofía política “verde”; condicións sociais para a sustentabilidade ecolóxica; impactos sociais da tecnociencia; socioloxía dos movementos sociais (especialmente o movimento ecoloxista).

É autor de máis de trinta ensaios (en solitario ou en colaboración) sobre cuestión de ética medioambiental, ecoloxía política e pensamento ecolóxico. Nnos últimos anos, formulou a vertente ética da súa filosofía ecosocialista nunha “pentaloxía da autocontención” que compoñen os volumes Un mundo vulnerable, Biomímesis, Gente que no quiere viajar a Marte, La habitación de Pascal e Todos los animales somos hermanos (todos eles publicados en Libros de la Catarata). Nesa mesma editorial vén de publicar El socialismo puede llegar sólo en bicicleta (2012); y en Proteus, no mesmo ano, Interdependientes e ecodependientes.

Outras noticias que te poden interesar: