----

Asinado un acordo de colaboración entre a Consellería de Cultura e o Consello da Cultura Galega en materia de normalización lingüística

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ds Xunta de Galicia, Xesús Vázquez Abad, e o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, asinaron esta tarde un acordo de colaboración en materia de normalización lingüística. Trátase de densenvolver durante este ano un programa de actuacións dirixidas a promover e fomentar o uso da lingua galega en todos os ámbitos sociais cando se cumpren trinta anos da aprobación da Lei de Normalización Lingüística de Galicia (1983). Os asinantes amosaron a súa satisfacción pola continuada cooperación interinstitucional neste e noutros ámbitos.

Asinado un acordo de colaboración entre a Consellería de Cultura e o Consello da Cultura Galega en materia de normalización lingüística

O acordo asinado inclúe a realización por parte do Consello da Cultura Galega do audiovisual ”50 anos do proceso de normalización lingüística”, os XV Encontros para a Normalización Lingüística -xornadas de reflexión e debate organizadas anualmente polo Centro de Documentación Sociolingüística do CCG, este ano os vindeiros 18 e 19 de abril- e a elaboración dun libro sobre a lingua e a cultura galega en Cuba, “Galicia en Cuba”, que recolle diferentes colaboracións do escritor e académico Xosé Neira Vilas.

O orzamento das actividades a desenvolver ascende a 34.500 euros, dos que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, aportará trinta mil euros e o Consello da Cultura Galega os 4.500 euros restantes.

Ao acto, celebrado na Biblioteca do Consello da Cultura Galega, asistiron tamén o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, e o coordinador do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, Henrique Monteagudo.