NOTICIA

----

Unha conferencia de Xesús Alonso Montero abriu a terceira xornada do congreso “Rosalía de Castro no século XXI”

A terceira xornada do congreso internacional “Rosalía de Castro no século XXI. Unha nova ollada” abriuse cunha conferencia do profesor Xesús Alonso Montero, presidente da Real academia Galega, sobre “o problema da lingua, das linguas” na autora iniciadora do “Xurdimento”. A xornada, coordinada polo profesor e escritor Anxo Angueira baixo o título “Cara a unha interpretación global de Rosalía: hermenéutica, fontes e edición”, ofreceu unha lectura sistémica do conxunto da obra rosaliana, en prosa e en verso, en galego e castelán e revisou a edición da obra completa e a súa lectura á luz das máis importantes fontes, como a das letras alemás do seu tempo. O congreso, organizado polo CCG, comezou en febreiro e rematará en xuño, cinco sesións ao longo de cinco meses, que poden seguirse en directo en www.consellodacultura.org e contan asemade cunha importante dimensión virtual.

Unha conferencia de Xesús Alonso Montero abriu a terceira xornada do congreso “Rosalía de Castro no século XXI”

A terceira sesión do congreso rosaliano abriuse no salón de actos do CCG coa conferencia “Para unha interpretación integral da obra rosaliana”, do profesor Xesús Alonso Montero, catedrático de Literatura Galega da USC, e presidente da RAG. A reflexión centrouse na composición e estrutura de “Cantares Galegos” (1863) e nos condicionantes da lingua e das linguas. Na lingua impulsada pola escritora iniciadora do “Xurdimento”, o galego, á que Rosalía se refire como “lingua materna”, e na lingua que os autores do auroral impulso falaban habitualmente, o castelán.
A retrucante foi Dolores Vilavedra, profesora de Literatura Galega da USC.

Seguiron dúas mesas redondas. A primeira, “Editar Rosalía”, moderada por
Anxo Angueira, profesor de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo, contou con Henrique Monteagudo, profesor de Filoloxía Galega da USC e coordinador da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do CCG;
Aurora López, profesora de Filoloxía Latina da Universidad de Granada;
Ana Rodríguez Fisher, profesora de Literatura da Universitat de Barcelona, e Juan Barja, director do Círculo de Bellas Artes, Madrid.

A segunda, “O mundo editorial da época”, moderada por Andrés Pociña, profesor de Filoloxía Latina da Universidad de Granada, incorporou como relatores a Xurxo Martínez González, investigador da Universidade de Vigo; Santiago Díaz Lage, profesor de Lingua Española da USC, e
Carmen Pérez Pais, profesora de Biblioteconomía e Documentación da Universidade da Coruña.

A xornada finalizou con dous relatorios sobre o tema “Gótico e romantismo alemán en Rosalía”. “Rosalía e o Volksgeist; resonancias do romanticismo alemán no contexto galego”. Derek Flitter, profesor de Linguas Modernas da University of Exeter (Ingaterra), e “A cuestión do gótico nas novelas de Rosalía”. César Domínguez, profesor de Teoría da Literatura da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

A cuarta sesión do congreso terá lugar o xoves 30 de maio e abordará o tema “Rosalía no contexto internacional; paralelismos e influencias; difusión e actualidade” e foi coordinada por Rosario Álvarez, vicepresidenta do Consello da Cultura Galega.