----

Xornada de debate sobre “Artes Escénicas: situación e perspectivas” con intervencións de Eduardo Alonso e Manuel F. Vieites

Unha xornada de análise e debate sobre “Situación e perspectivas das Artes Escénicas en Galicia” ten lugar hoxe martes 30 de abril a partir das 10 h. no Consello da Cultura Galega. Analiza polo miúdo o documento elaborado por unha Comisión técnica temporal coa participación do sector e as propostas para un Plan Estratéxico. Eduardo Alonso e Manuel F. Vieites son os relatores. Na apertura interviron Ramón Villares, presidente do CCG, Maximino Zumalave, coordinador da Sección de Música e Artes Escénicas, e Manuel F. Vieites, director da Escola Superior de Arte Dramática de Vigo.
Xornada de debate sobre “Artes Escénicas: situación e perspectivas” con intervencións de Eduardo Alonso e Manuel F

O programa da xornada iniciouse coa disertación de Manuel F. Vieites sobre "A situación das Artes Escénicas en Galicia. Algúns indicadores". Logo dun primeiro debate, e na sesión da tarde, este relator xunto con Eduardo Alonso, presentaron as "Propostas para un Plan Estratéxico das Artes Escénicas en Galicia", ás que seguiu un debate vivo e participativo por parte dos 35 asistentes á xornada.

Desde hai algúns meses o Consello da Cultura Galega, na súa Sección de Música e Artes escénicas e por medio dunha Comisión Técnica Temporal creada aos efectos, veu traballando na elaboración dun documento que define os retos das artes escénicas en Galicia no momento actual e a medio prazo. Un documento co que se procuran as bases programáticas do que debería ser un Plan estratéxico. Logo dunha primeira fase de presentación pública do documento e dunha posterior recolla de propostas, chegouse a unha terceira fase de análise e debate na que se convidou aos interesados a remitir achegas e suxestións, que de novo foron analizadas e incorporadas ao documento final.