----

O Consello da Cultura Galega presentou o libro-homenaxe a Roberto Vidal Bolaño co facsímile da peza teatral inédita “Ruada das papas e o unto”

O Consello da Cultura Galega presentou hoxe o libro-homenaxe a Roberto Vidal Bolaño, a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. A publicación contén o facsímile da peza teatral inédita “Ruada das papas e o unto” e estudos introdutorios de Ramón Villares, Camilo Franco e Inmaculada López Silva. No acto interviron o profesor Manuel Quintáns, a viúva do autor desaparecido, Belén Quntáns, o director do Centro Dramático Galego, Manuel Guede, e o presidente da institución, Ramón Villares, para significar a dimensión referencial de Vidal Bolaño como figura senlleira do teatro galego contemporáneo.

O Consello da Cultura Galega presentou o libro-homenaxe a Roberto Vidal Bolaño co facsímile da peza teatral inédita “Ruada das papas e o unto”

Dramaturgo, autor, actor e escenógrafo, Roberto Vidal Bolaño (Santiago de Compostela, 1950-2002), é, en palabras de Ramón Villares, “un dos inventores do teatro galego da contemporaneidade, un pioneiro da dramaturxia profesional en Galicia”.

Manuel Guede, director do Centro Dramático Galego, falou da figura agora homenaxeada como “un gran autor, un nome importantísimo, auroral, do noso teatro”.

O profesor Manuel Quintáns, sogro do dramaturgo, lembrou que Vidal Bolaño “representa o teatro galego” e Blanca Quintáns, a súa viúva, expresou a ledicia pola edición, que considerou “fermosa”, deste texto inédito e agradeceu a iniciativa do Consello da Cultura Galega.

Ramón Villares subliñou a capacidade do dramaturgo para converter en expresión culta a tradición popular e referiuse á obra inédita, agora publicada en edición facsimilar como “unha contribución ben representativa da personalidade de quen dominou os segredos da escena como reflexo da vida e, por iso mesmo, soubo ver a rúa e a vida como un grande escenario para gozar e rir, aprender e compartir”.

O libro-homenaxe, co facsímile da inédita “Ruada das papas e o unto”, inclúe un limiar de Ramón Villares, “Roberto Vidal Bolaño, unha vida para o teatro galego”, e estudos de dous especialistas no mundo teatral: Camilo Franco (“Todo é transición”) e Inma Lópe Silva (“O espectáculo total que nutre a literatura. Unha lectura da Ruada das papas e o unto”).