----

Máis de 200 persoas seguiron en Bonaval o Concerto “Día das Letras Galegas”, música e palabra arredor dos “Cantares Gallegos” rosalianos

Máis de duascentas persoas seguiron esta tarde na igrexa de San Domingos de Bonaval, en Compostela, o Concerto “Día das Letras Galegas”, que o Consello da Cultura Galega ven organizando desde 2011 para subliñar a dimensión conmemorativa, reivindicativa e festiva da xornada. O concerto “Aqueles doces Cantares” -no 150 aniversario dos “Cantares Gallegos” rosalianos- incluiu o recitado dos 36 “cantares” e as composicións musicais para unha posta en escena na que colaboraron a Asociación Galega de Compositores, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia e a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. O presidente da Xunta, Alberto Nüñez Feijóo, a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, e o conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez Abad, asistiron xunto co presidente do CCG, Ramón Villares e integrantes da Comisión Executiva da institución.
Máis de 200 persoas seguiron en Bonaval o Concerto “Día das Letras Galegas”, música e palabra arredor dos “Cantares Gallegos” rosalianos

Ainda que o "calor" dos "Cantares" rosalianos disimulou apenas o frío reinante nunha outonal, por chuviosa, tarde de primavera na fermosa igrexa de Bonaval, os asistentes valoraron e aplaudiron o bo facer de actores e actrices, baixo a dirección de Cristina Domínguez, e as interpretacións musicais conducidas pola batuta de Maximino Zumalave. O "Como chove miudiño" recitado ao final polo público reforzou o longo aplauso aos intérpretes e subliñou con bo humor a circunstancia dunha xornada pasada por auga en Laíño, en Lestrove e na Compostela que acolle os restos da nosa poeta nacional no sartego do Panteón de Galegos Ilustres, ubicado na igrexa gótica que foi escenario do concerto.

Ademais das autoridades xa mencionadas asistiron ao concerto, entre outros, o Valedor do Pobo, José Julio Fernández, o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas, o Conselleiro Maior do Consello de Contas, Luciano Fariña, o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, e académicos da RAG como Euloxio Ruibal e Margarita Ledo Andión, ou Margarita Viso, presidenta da Sociedade Galega de Compositores.

NOVE INSTRUMENTOS

O Consello da Cultura Galega convidou para a ocasión á Asociación Galega de Compositores a crear unha obra musical para cada un dos poemas de “Cantares Galllegos”. Vinte autoras e autores compuxeron brevísimas páxinas instrumentais dun minuto de duración para un máximo de nove instrumentos (violín, viola, violoncello, contrabaixo, frauta, óboe, clarinete, fagot e trompa). Naceron así 36 composicións musicais que acompañarán senllos poemas rosalianos interpretados por doce integrantes da Asociación de Actores e Actrices de Galicia e da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia baixo a dirección de Cristina Domínguez.

O CCG editou con este motivo unha publicación de 224 páxinas, “Aqueles doces cantares. Unha ofrenda musical a Rosalía de Castro”, que inclúe os poemas, as partituras e os datos biográficos dos vinte compositores que musicaron os “Cantares Gallegos”.

COOPERACIÓN INSTITUCIONAL

Na presentación do concerto celebrada o pasado día 13 de maio, Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, salientou a colaboración institucional con outras entidades para levar a cabo esta posta en escena “que une música e palabra” e que, canda Rosalía de Castro, homenaxea asemade a Roberto Vidal Bolaño, o autor, director e dramaturgo a quen se dedica este ano o Día das Letras Galegas.
Maximino Zumalave, coordinador da Sección de Música e Artes Escénicas, do CCG, e director do concerto, significou “a importante dimensión da obra rosaliana como fonte de inspiración e creatividade”.
Margarita Viso, presidenta da Sociedade Galega de Compositores, agradeceu “o recoñeemento que supón que nos asocien cos “Cantares Gallegos” de Rosalía, unha poeta moi musical”.
Cristina Domínguez, da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e directora de escena do espectáculo, agradeceu a oportunidade do que considerou “un reto: dicir os “Cantares Gallegos” en Bonaval e unir unha vez máis os nomes de Rosalía de Castro e Roberto Vidal Bolaño”.