A sesión, que presentaron Ramón Villares, presidente do CCG, e Rosario Álvarez, vicepresidenta, abriuse coa conferencia de Javier Gómez Montero sobre “Modelos estéticos da obra rosaliana no contexto europeo”. O catedrático de Literaturas Románicas da Universidade de Kiel (Alemaña), salientou a variedade de leituras e o coñecemento da escrita contemporánea por parte de Rosalía. Nomeadamente da literatura francesa e inglesa e de “referentes dunha escritura femenina entendida como reivindicación de xénero”. O retrucante, Arturo Leyte, catredrático de Filosofía da Universidade de Vigo, subliñou que Rosalía “soubo escoitar o incosciente do seu tempo e iso fai que teña un valor maior, ademais de ser unha poeta europea de primeira orde”.
Outros aspectos sobre a temática “Rosalía e o cánon literario do seu tempo” foron analizados por María Xesús Lama, profesora de Literatura Galega da Universidade de Barcelona; e José Manuel González Herrán, catedrático de Literatura Española e Fernando Cabo, catedrático de Teoría da Literatura da Universidade de Santiago de Compostela, na mesa redonda moderada por Olivia Rodríguez González, profesora de Teoría da Literatura da Universidade da Coruña.
Pola tarde, Katleen March, profesora de Español da University of Maine (USA), estudosa e tradutora de Rosalía, falou sobre “Flavio e mailo Cabaleiro vestidos de inglés” e foi retrucada por María Teresa Caneda Cabrera, profesora de Filoloxía Inglesa da Universidade de Vigo.
Sobre a tradución, ou sexa “A proxección exterior da obra rosaliana”, reflexionaron Olga Castro, profesora de Estudos de Tradución da Aston University-Birmingham (Inglaterra), Jonathan Dunne, editor e tradutor literario da Small Stattions Press, e Áurea Fernández, profesora da Universidade Vigo. Este panel, moderado por Javier Gómez Montero (Universidade de Kiel-Alemaña), cerrou a cuarta xornada do congreso.
A quinta e derradeira xornada do congreso, coordinada polas profesoras Helena González e Dolores Vilavedra, abordará a Rosalía de Castro “á luz dos novos paradigmas críticos” e terá lugar o vindeiro 29 de xuño no Consello da Cultura Galega. O comité organizador do congreso está formado por Rosario Álvarez, Anxo Angueira, María do Cebreiro Rábade e Dolores Vilavedra.