----

Máis de 500.000 descendentes de emigrantes e exiliados españois en Iberoamérica solicitaron a nacionalidade española da man da Lei da Memoria Histórica

Máis de medio millón de fillos de emigrantes e exiliados españois en Iberoamérica (uns 150.000 descendentes de galegos) solicitaron a concesión da cidadanía española de orixe, acolléndose á Disposición Adicional 7 da Lei 52/2007, coñecida como Lei da Memoria Histórica. Dese total, ata o momento, resolvéronse positivamente 253.405 expedientes. Os datos déronse a coñecer hoxe no curso do Seminario internacional “Migracións e memoria histórica”, que veu celebrándose desde onte no Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela. Antonio Izquierdo Escribano, catedrático de Socioloxía e responsable do Equipo de Socioloxía das Migracións Internacionais (ESOMI) deu conta deses datos no inicio da sesión, que rexistrou tamén a intervención de Javier García Diego, director do Colegio de México, “a máis importante institución creada polos exiliados españois”, en palabras de Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura, que foi o encargado de clausurar o seminario.
Máis de 500

Antonio Izquierdo ofreceu un resumo do estudo realizado polo ESOMI e salientou o feito de que dos 524.000 descendentes de españois solicitantes da nacionalidade española de orixe o 92% eran fillos ou netos de emigrantes e o 7% de exiliados. Apuntou que só un tercio deses peticionarios declarara ter pensado alguna vez na posibilidade de cambiar de país de residencia e desa porcentaxe un 68% apuntaba lóxicamente a España e, por extensión, á Unión Europea.

En relación cos netos dos exiliados, Luca Chao, integrante do ESOMI, grupo que elabora una enquisa para coñecer a situación, a motivación e as expectativas dos solicitantes da nacionalidade española, recordou que só se rexistraron 35.319 peticións e netos de exiliados, das que foron aprobadas 12.750. A enquisa, inacabada, vense realizando en Cuba, México e Venezuela e rexistrou ata o momento oitocentas das 1.300 entrevistas programadas. A este traballo de campo referíronse asemade Raquel Martínez e Monserrat Golías, da Universidade da Coruña.

Pola súa parte, Aurelia Álvarez, profesora titular de Dereito Internacional Público da Universidade de León, salientou a neecesidade de regular e corrixir as carencias do ordenamento español actual en materia de acceso á nacionalidade española “para evitar confusións e agravios” e defendeu a necesidade de promover una lei de nacionalidade, extremo no que coincidiu co expresado o día anterior por Aurelio Miras Portugal, Director Xeral de Migracións do Goberno de España.

O seminario, organizado polo ESOMI e o Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega, e coordinado por Antonio Izquierdo e Ramón Villares, finalizou coa conferencia de Javier García Diego sobre “O exilio español en México e as súas repercusións na cultura hispanoamericana”. O director do Colegio de México rendiu homenaxe á importante contribución dos exiliados españois e aos seus traballos. Primeiro na Casa de España, acollidos especialmente polo presidente Lázaro Cárdenas, e moi logo no Colegio de México, convertido en institución senlleira en México e en Iberoamérica. Destacou tamén García Diego o labor desempeñado pola intelectualidade do exilio español na expansión editorial do Fondo de Cultura Económica. “Grazas a esa contribución, México puido revertir o atraso académico causado pola Revolución e a cultura mexicana fíxose máis cosmopolita”, resumiu o director do Colegio de México.