----

Francisco Rodríguez salientou os compromisos patriótico, feminista e democrático da autora de “Follas Novas” no final do congreso rosaliano

Os compromisos patriótico, feminista e democrático, alén do lingüístico, de Rosalía de Castro foron especialmente subliñados na quinta e derradeira xornada do congreso internacional “Rosalía de Castro no século XXI. Unha nova ollada”, que se densenvolveu hoxe no Consello da Cultura Galega. Eses compromisos da autora de “Follas Novas” foron obxecto de análise por parte do profesor e ensaísta Francisco Rodríguez e complementados na mesa redonda “Rosalía á luz do pensamento feminista”, na que interviron María Xesús Nogueira, María Reimóndez e Carmen Blanco. Un achegamento ao mundo da emigración e as novas análises de “Cantares Gallegos” cerraron un programa iniciado o pasado mes de febrero e coordinado por Rosario Álvarez, Anxo Angueira, María do Cebreiro Rábade e Dolores Vilavedra. Nos meses vindeiros o CCG levará a cabo actividades difusoras da obra rosaliana en Madrid e Barcelona e publicará as actas do congreso, que incoporarán asemade os traballos presentados ao congreso virtual.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:
Francisco Rodríguez salientou os compromisos patriótico, feminista e democrático da autora de “Follas Novas” no final do congreso rosaliano

A derradeira xornada do congreso rosaliano, coordinada polas profesoras Helena González (Universitat de Barcelona) e Dolores Vilavedra (Universidade de Santiago de Compostela), baixo o titulo “Rosalía á luz dos novos paradigmas críticos”, abriuse coa intervención do profesor e ensaísta Francisco Rodriguez (“A obra de Rosalía: como convencer aos galegos de que o somos”), que aludiu á importante formación cultural e literaria da escritora e aos seus decididos compromisos identitario-patrióticos, democráticos e feministas. “Foi nise senso una figura diferente nos espazos español e europeo”, dixo. Pola súa parte, a profesora Helena González destacou a importancia das perspectivas de xénero e a consideración da sexualidade “para una interpretación global da figura e da obra rosalianas”.

Sobre a dimensión do compromiso feminista da autora de “Cantares gallegos” reflexionaron as profesoras María Xesús Nogueira e Carmen Blanco (Universidade de Santiago de Compostela ) e María Reimóndez, escritora e investigadora, nunha mesa redonda moderada pro María Xosé Agra, coordinadora da Comisión de Igualdade do CCG.

Pola tarde, Xosé Manoel Núñez Seixas catedrático de Historia Contemporánea da Ludwig-Maximilians Universität München (Alemaña), falou de “Rosalía de Castro e os galegos de América: da polisemia do mito na diáspora”, xunto con Afonso Vázquez-Monxardín, catedtrático de Lingua e Literatura Galega do IES “As Lagoas” de Ourense.

A xornada concluiu coa mesa redonda sobre “Cantares gallegos, novas perspectivas de análise” moderada por Anxo Angueira, profesor de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo, e na que interviron: María López Sández, profesora de Didáctica da Lingua e a Literatura da USC e profesora de Ensino Secundario; Helena González, profesora de Literatura Galega da Universitat de Barcelona, e Álex Alonso, profesor da City University of New York.

O congreso internacional “Rosalía de Castro no século XXI. Unha nova ollada”, organizado polo CCG, comezou en febreiro e rematou hoxe, despois cinco sesións presenciais ao longo de cinco meses, que puideron seguirse en directo na Rede a través de www.consellodacultura.org e contaron asemade cunha importante dimensión virtual.

O presidente do CCG, Ramón Villares, abriu a xornada agradecendo o traballo do comité organizador. Cerrou as sesión Rosario Álvarez, vicepresidenta, expresando a satisfacción polo traballo feito e “por ter cumprido o obxectivo de procurar novas e diferentes olladas sobre a vida e a obra que ideou e compuxo hai 150 anos, en 1863, os “Cantares Gallegos”.