----

Patrizia Violi falou no Consello da Cultura Galega sobre “Os museos da memoria e o seu rol na construción das identidades culturais”

Patrizia Violi, profesora de Semiótica da Universidade de Bologna (Italia), falou hoxe no seminario “Os sentidos das culturas” do Consello da Cultura Galega sobre o tema “Recordar o futuro. Os museos da memoria e o seu rol na construcción das identidades culturais”. Centrouse na memoria colectiva de eventos tráxicos e conflictivos e aludiu a tres lugares significativos polas relacións diversas que establecen entre memoria e identidade: o Museo Tuol Sleng dos Crimes do Xenocidio de Phnom Penh,en Camboya (1975-1979); o Parque para a Paz de Villa Grimaldi, en Santiago de Chile (1973-1990), e o Memorial Hall das Víctimas da Masacre de Nanjing polos Invasores Xaponeses, en Nanjing (China) en 1937. En todos eles, ao conservar o existente ou construir ex novo “estanse definindo as formas da propia identidade colectiva pasada, presente e tamén futura”. Corenta persoas asistiron ao seminario, que puido seguirse tamén en directo a través de www.consellodacultura.org

Sostivo a investigadora italiana que as identidades, individuais e colectivas, están profundamente determinadas pola memoria do propio pasado e pola complexa dinámica que nelas xoga a dialéctica do recordo e do esquecemento. Nesa perspectiva un rol importante está representado polos chamados ‘lugares da memoria’ -mausoleos, monumentos, memoriais, museos- dedicados ao recordo do pasado. Eses lugares, afirma Patrizia Violi, “que exteriorizan no espazo a temporalidade da historia pasada, son lugares-tópicos cruciais na constitución das identidades colectivas e das súas proxeccións no futuro, e a súa análise é un compoñente esencial para unha semiótica das identidades culturais. “O modo en que a memoria do pasado traumático é conservada e novamente proposta está directamente en función dunha idea da identidade futura que se quere construir”. Ou sexa, engadiu Patrizia Violi, que é o futuro o que guía a memoria do pasado, o recordo do trauma, a súa elaboración ou a súa remoción e cancelación”.

“O(s) Sentido(s) da(s) Cultura(s)” é un seminario interdisciplinar sobre os significados da cultura no tempo presente, que o Consello da Cultura Galega vén organizando dende 2006. Coordinado polo profesor Ramón Máiz, ten como obxectivo abordar os debates e investigacións recentes sobre as plurais nocións e prácticas da Cultura en ámbitos como a Filosofía, a Antropoloxía, a Arte, a xestión cultural, os estudos culturais, as políticas do multiculturalismo, etc.