----

Institucionalízase o Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia

Co gallo da vindeira celebración do Día de Defuntos, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística está a promover, un ano máis, o uso do galego no ámbito dos ritos funerarios e das últimas vontades. Co obxecto de implicar ás forzas políticas galegas e aos rexedores municipais nesta tarefa, o vindeiro 23 de outubro de 2013 celebrarase en San Domingos de Bonaval (Santiago de Compostela) un acto de sinatura pública da declaración de institucionalización do Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia.

O obxectivo é que os concellos asinantes se comprometan a desenvolver as seguintes iniciativas: substitución simbólica dunha lápida en castelán por outra en galego, colocación dunha placa nas portas dos cemiterios co texto “Na memoria de todos os que xacen aquí, porque grazas a eles Galicia segue a ter cultura e lingua de seu”, promoción de actos públicos de sinatura de actas de últimas vontades e demanda ás empresas do sector funerario para que oferten os seus servizos tamén en galego.