----

O Consello da Cultura Galega celebra o encontro “Escénicas. Mabel Rivera”

O Consello da Cultura Galega organiza mañá, xoves 24 de outubro, o encontro “Escénicas. Mabel Rivera”, no que analizará a figura desta coñecida actriz e o papel da muller no sector escénico e audiovisual actual. A xornada será retransmitida en directo a partir das 10 h. desde o web do Consello da Cultura Galega (www.consellodacultura.org)

A actriz Mabel Rivera centra a xornada “Escénicas. Mabel Rivera” que organiza a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega. A xornada combina unha análise da actividade profesional de Mabel Rivera nas artes escénicas galegas, entrevistas á actriz, debates ao redor das artes escénicas e mesmo pezas de microteatro. A xornada está coordinada por Dolores Vilavedra e Inma López Silva.

A inauguración realizarase ás 10 h. Estarán presentes Francisco Díaz-Fierros, Vicepresidente do CCG, María Xosé Agra Romero, coordinadora da Comisión de Igualdade do CCG e Maximino Zumalave Caneda, coordinador da Sección de Música e Artes Escénicas do CCG.

O programa
A investigadora Iolanda Ogando analizará a traxectoria de Mabel Rivera nas artes escénicas galegas e Mariam Mariño Costales, técnica da Comisión de Igualdade do CCG, presentará a Cartografía de Mabel Rivera Torres que se publica no Álbum de Mulleres de culturagalega.org.

Diferentes relatorios analizarán o papel da muller nas artes escénicas e audiovisuais actuais. Nela participarán Andrea Álvarez Pino, investigadora, Mónica Caamaño, Marta Pérez e Martín Pawley, crítico e produtor. Pola tarde, a xornalista Sandra Faginas conversará con Mabel Rivera, A reflexión e debate “Unha vez houbo un novo mundo?”, contará coa presenza de Eduardo Alonso, director de Teatro do Noroeste, Ánxeles Cuña, directora de Sarabela Teatro e Lara Rozados, xornalista, coa moderación de Damián Villalaín, profesor da ESAD.

Posteriormente, Cristina Domínguez dirixirá a Melania Cruz, Beatriz Campos e Sheila Fariña na proposta de microteatro “Inventarios”.

Consultar o programa do evento