
Desde o ano 1992 o Arquivo da Emigración Galega ten como unha das súas finalidades principais a recuperación e posta en valor da memoria e dos importantes legados dos emigrantes galegos. As accións solidarias e altruístas da colectividade emigrante estiveron presentes na realidade galega cotiá. Así, os nosos emigrantes financiaron, implementaron, custearon e sostiveron numerosos centros educativos; contribuíndo coas súas remesas á escolarización e á instrución da comunidade de orixe. Un caso único o de Galicia na historia das colectividades de emigrantes.
O estudo e difusión do patrimonio legado polos emigrantes galegos -levado a cabo polo Consello da Cultura Galega-, conta coa inestimable axuda da Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia. Entre outros proxectos, pódese destacar a catalogación das construcións escolares financiadas polos emigrantes nas catro provincias galegas e, tamén, a exposición que agora presentamos.
Luces de alén mar. As escolas de americanos en Galicia dá a coñecer a dimensión da efeméride do centenario fundacional das Sociedades Galegas de Instrución radicadas en América, ao mesmo tempo que difunde as súas realizacións académicas nas localidades de procedencia dos emigrantes.