----

O CCG reivindica a figura e o papel histórico de Xelmírez coa súa nova publicación

Está mañá o Consello da Cultura Galega presentou a ampla obra O século de Xelmírez. Trátase dun amplo estudo que analiza o século XII, definido por Ramón Villares como "fundamental para a Historia de Galicia", a través dos tres eixos nos que o arcebispo Xelmírez deixou unha notable influencia: a historia, a arte e a cultura, e no que colaboran os principais especialistas galegos e destacados expertos internacionais.

Descargue O século de Xelmírez na nosa Mediateca

Ramón Villares, presidente do CCG e coeditor do libro, reivindicou durante a presentación a figura de Xelmírez como unha "figura excepcional da Historia de Galicia e de Europa Occidental" e lamentou o esquecemento que esta figura ten como construtora da identidade de Galicia. Villares sinalou que o galeguismo non tivo unha visión única sobre a figura de Xelmírez e iso redundou na falta de consenso sobre a súa figura e na súa asunción como persoeiro central da identidade de Galicia.

O século de Xelmírez é unha ambiciosa publicación que recolle achegas dos principais especialistas na obra e tempo de Diego Xelmírez, arcebispo de Santiago no século XII, e edítase como parte dos obxectivos do CCG, en relación a fomentar análises anovadas e interdisciplinares de grandes figuras da cultura galega, como neste caso foi o arcebispo de Compostela. O obxectivo da publicación é determinar a influencia desta poderosa figura política e eclesial na política, nas artes e nas letras do seu tempo. Está editada por Fernando López Alsina, Henrique Monteagudo, Ramón Villares e Ramón Yzquierdo Perrín.

Deste xeito, investigadores de diferentes universidades europeas colaboraron para ofrecer unha visión global dun dos tempos máis importantes da Historia de Galicia. Autores como Luís Carlos Amaral, Ermelindo Portela Silva, Klaus Herbers, Ludwig Vones, Manuel Castiñeiras, Roger Wright ou Emma Falque participan tecendo un mosaico sobre a arte, a cultura literaria ou plástica.