----

23 de abril: Homenaxe e presentación do libro "Ánxel Casal, un editor para un país", por iniciativa do CCG e do Seminario de Estudos Galegos


<em>Santiago de Compostela, 22 de abril de 2008.</em>- O salón de actos do Consello da Cultura Galega acollerá o día 23 ás 12´30 horas a presentación do libro <a href="http://consellodacultura.org/mediateca/?p=293">"Ánxel Casal, un editor para un país"</a>, coordinado por Alfonso Mato e coeditado polo CCG e o Seminario de Estudos Galegos. O Presidente do Consello, Ramón Villares, estará acompañado por representantes da Federación de Libreiros de Galicia, da Plataforma do Producto Gráfico e Libro Galego, do SEG e da Asociación Galega de Editores. Será unha ocasión para homenaxear a Ánxel Casal e con tal motivo o corredor do Consello permitirá ver unha pequena mostra das publicacións saídas das editoriais "Lar" e "Nós".


<!--more-->

O libro mostra por primeira vez os rexistros bibliográficos e as cubertas de case todas as publicacións que Casal editou e imprimiu. Nel Ramón Villares, Presidente do Consello da Cultura, lembra que o gran contributo de Ánxel Casal , a quen define como "editor nacional", estivo no campo da industria cultural, "no que foi o que Risco no da teoría nacionalista, Otero na prosa romancística ou Castelao no deseño e, desde logo, no liderado político".

Pola súa parte, Isaac Díaz Pardo nas súas lembranzas do editor escribe: "Cando Castelao subliña a importancia de Casal por riba de todos nós, coido que está relembrando non só o renovador do libro galego, senón tamén a importancia que para Galicia tivo o seu traballo como rexistrador e divulgador do labor do Seminario de Estudos Galegos".