----

O Arquivo da Emigración do Consello da Cultura Galega colaborará na posta en marcha do Museo da Inmigración de Buenos Aires

reunion_emigracion.jpg

Reunión da comisión arxentina coa comisión técnica do Arquivo da Emigración Galega. Foto: CCG


Santiago de Compostela, 17 de abril de 2008.- A comisión arxentina encargada de elaborar o anteproxecto do Museo da Inmigración de Buenos Aires mantivo hoxe unha sesión de traballo cos integrantes da comisión técnica do Arquivo da Emigración Galega, do Consello da Cultura Galega, e puxo en marcha unha liña de cooperación que se materializará na próxima sinatura dun protocolo para asesoramento e aportacións documentais.




A comisión arxentina, formada polo historiador Fernando Devoto e os arquitectos Fabián de la Fuente e Raul Pierini, profesores da Universidade San Martín, de Buenos Aires, presentou o anteproxecto do Museo que ocupará o inmoble do antigo Hotel de Inmigrantes en Puerto Madero, catalogado como Monumento Histórico Nacional. Trátase dun edificio composto de baixo e tres plantas cun frente de 125 metros e unha anchura de 25 metros, onde os inmigrantes eran aloxados preventivamente durante catro días.

Os responsables do anteproxecto do Museo da Inmigración visitaron a Cidade Nacional da Historia da Inmigración de Francia antes de coñecer o Arquivo da Emigración Galega, do Consello da Cultura Galega, institución coa que en breve asinarán un protocolo de cooperación para a posta en marcha do museo, prevista para 2010, data na que se conmemorarán douscentos anos da independencia arxentina.

Xa pola tarde a delegación arxentina e os membros da comisión técnica do Arquivo da Emigración Galega visitaron as obras da Cidade da Cultura.