----

O libro "Buenos Aires gallega" rescata o protagonismo dos galegos na construcción da sociedade porteña


<img src="http://consellodacultura.org/files/2008/04/bos_aires_gallega.jpg" alt="bos_aires_gallega.jpg" />

<div id="pedefoto"><em>Un momento da presentación do libro na Biblioteca do CCG</em></div>

<em>Santiago de Compostela, 16 de abril de 2008.</em>- O libro BUENOS AIRES GALLEGA, que reúne as ponencias presentadas nas xornadas do mesmo título celebradas en Buenos Aires en agosto de 2007 para analizar o pasado e o presente da inmigración en Argentina, foi presentado hoxe na Biblioteca do Consello da Cultura Galega. A obra supón “unha contribución para rescatar do olvido o protagonismo colectivo de tantos centos de miles de galegos na construcción da sociedade porteña”, explica o profesor Rui Farías, compilador da edición, na introducción titulada “la ciudad galega más grande del mundo”.


<!--more-->Publicado pola “Comisión para la preservación del patrimonio histórico cultural de la ciudad de Buenos Aires” o libro, de 450 páxinas, aborda temas como os fluxos inmigratorios galegos na Argentina entre o século XVIII e a década de 1960; a súa inserción socioprofesional; o papel dos galegos dentro do mutualismo español; a probemática específica das mulleres inmigrantes; a conservaciòn, trnasmisión e reinvención da cultura galega en Buenos Aires ou o potencial das novas tecnoloxías para a identidade galaico-porteña, entre outros temas relacionados directa ou indirectamente con ese masivo fenómeno inmigratorio. No acto de presentación, presidido por Ramón Villares, Presidente do Consello da Cultura Galega, interviron, ademais de Rui Farías, o escritor Francisco Fernández Naval, quen tivo unha importante participación naquelas xornadas como representante entón da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, e que alufiu ó libro como “unha porta que se abre”.Xosé Manoel Núñez Seixas e Fernando Devoto salientaron pola súa parte a importancia da mistura de diferentes puntos de vista nas xornadas celebradas na capital arxentina. A dos historiadores e as achegadas por persoas implicadas no feito inmigratorio. O segundo salientou a significación importante dun proxecto resultante da cooperación de institucións arxentinas e galegas. Todos eles foron parte importante das xornadas nas que tamén participou a profesora Pilar Cagiao, presente asimesmo neste acto.

DILATADA E INTENSA PRESENZA GALEGA

Polo que respecta á activa presenza da colectividade galega na Argentina, cabe lembrar que na apertura daquelas xornadas Liliana Barela, diectora xeral do Instituto Histórico de la Ciudad de Buenos Aires, destaca o feito de que os galegos constitúen un dos aportes poboacionais e culturais máis fortes que puido recibir a sociedade arxentina. “Estiveron presentes desde a colonización e calcúlase que formaron maior parte dunha das dúas ondas migratorias máis masivas da Argentina so século XX. O paradoxo é que, por un lado, nos rexistros oficiais quedaron subsumidos na nacionalidade española ata o punto que resulta difícil calcular cántos eran realmente, perro por outra parte, a cultura popular restituiulles ese lugar predominante nun proceso inverso, denominado galego a todo español”, escribe. Pola súa parte o profesor Xosé Manoel Núñez Seixas, precisa que xa en 1810 os galegos constituían o “grupo regional” máis importante entre os peninsulares inmigrados residentes no Río da Plata e supoñían entre un 30 e un 40 por cento dos peninsulares inmigrados residentes en Buenos Aires e xa tiñan un protagonismo destacado nun ramo do pequeno comercio urbano como as “pulperías”. Na celebración das xornadas colaborou o Consello da Cultura Galega a través do seu Arquivo da Emigración Galega.