----

O CCG e a Consellería de Cultura organizarán un gran encontro internacional sobre a lingua galega en setembro

Co obxectivo de dar a coñecer a lingua galega en círculos académicos e de prestixio internacional, o Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura asinaron hoxe un convenio que, ademáis, contempla outras actividades de difusión como unha versión en liña dun documental sobre a normalización lingüística.
O CCG e a Consellería de Cultura organizarán un gran encontro internacional sobre a lingua galega en setembro

Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega e Xesús Vázquez, conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, asinaron hoxe á mañá un convenio por valor de 30.000 euros no que “hai unha proposta un pouco máis novedosa”, segundo sinalou Ramón Villares.

Trátase dun proxecto, definiron tanto Villares como Xesús Vázquez, dun encontro internacional de especialistas en lingua galega que servirá como campo preparatorio para a elaboración dun volumen monográfico sobre a lingua galega nunha revista científica de prestixio internacional. O congreso realizarase en setembro e terá unha segunda edición, no vindeiro ano, en Edimburgo.

Web sobre a historia da normalización lingüística

Ademáis, o convenio contempla a realización dun web sobre a historia da normalización lingüística, realizando a versión en liña e estendida dun documental sobre os cincuenta anos de normalización lingüística que reúnen a especialistas, a expertos e falantes ao redor da lingua galega.