NOTICIA

----

O Simposio “Rosendo Salvado e o mundo aborixe” revelou a visión tolerante e integradora do tudense

Este mediodía rematou o Simposio “Rosendo Salvado e o mundo aborixe”. O acto de peche foi presidido por Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia, e contou coa presenza de Ramón Villares, presidente do CCG, Jane Hardy, embaixadora de Australia, Ramón Máiz e Francisco Díaz Fierros, coordinadores do simposio. Os coordinadores destacaron a visión plural e avanzada de Rosendo Salvado na Australia colonial da época.
O Simposio “Rosendo Salvado e o mundo aborixe” revelou a visión tolerante e integradora do tudense

Alberto Núñez Feijóo, Presidente da Xunta de Galicia, destacou os lazos que unen Galicia e Australia. “Rosendo Salvado foi un avanzado da globalización que aínda vivimos”, sinalou o Presidente da Xunta de Galicia.

Para Ramón Villares, presidente do CCG, os resultados “foron superiores ás expectativas”, destacando a profundidade e a pluralidade coa que o simposio se achegou á figura de Rosendo Salvado. “El foi un home en contra do seu tempo e por riba do seu tempo”, destacou Villares.
Jane Hardy, embaixadora de Australia, destacou “que os traballos presentados no congreso foron profundos e de moitos niveis distintos” e suliñou que estes manifestaban os fortes vínculos que unen Australia con Galicia”.

Para Ramón Máiz, coorganizador do simposio, “as virtudes de Rosendo Salvado e o seu comportamento en Australia son unha lección de tolerancia e comprensión cara o outro que chegan do século XXI ata hoxendía”.

O Simposio rematou hoxe á mediodía tras día e medio de relatorios e actividades, entre as que destacaron a inauguración da exposición “Rosendo Salvado e o mundo aborixe”, que poderá ser vista durante o vindeiro mes no mosteiro de San Martiño Pinario.