----

Comezan as xornadas Arte+Pintura que ofrecerán un mapa da situación pictórica

Este mércores arrincan no Consello da Cultura Galega as xornadas “Arte+Pintura”, que buscan ofrecer un mapa teórico e práctico do estado actual deste xénero. “Aínda que se leva dicindo que a pintura esmorece, o que imos poder ofrecer é que existe unha gran diversidade e riqueza, así como exhibir a enerxía que ten a pintura a día de hoxe” explica Almudena Fernández, coordinadora xunto con María Luisa Sobrino das xornadas que se desenvolverán ata o xoves na sede da institución.

As xornadas queren reflexionar, repensar e analizar como os cambios repercuten na práctica artística. Profesores, comisarios e investigadores ofrecerán un achegamento á situación actual da pintura desde un punto de vista teórico en sesión de mañá, mentres que pola tarde serán os propios creadores os que, exhibindo o seu traballo, irán amosando como se concretan todos os cambios que a pintura leva asumindo nos últimos tempos. “A aparición de internet, das redes sociais e a popularización dos programas de deseño gráfico de manipulación da imaxe que foron claves para a transformación que sufriu a pintura” explica Almudena Fernández.

Un gran mapa actual da pintura
Non é a primeira vez que o Consello da Cultura reflexiona sobre a pintura. A primeira vez fíxoo no ano 1995, nunhas xornadas organizadas por Antón Castro e Juan de Nieves. “Daquela celebráronse moitas exposicións referenciais sobre a pintura, nas que se defendía que a tradición pictórica non esmorecera, pero tamén foi o momento no que empezan a ser borrosas as liñas das grandes categorías artísticas como a pintura, a escultura…” puntualiza Almudena Fernández, membro da sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega e profesora da Facultade de Belas Artes (Universidade de Vigo). Foi na década seguinte, cando comezan a asimilar e consolidar eses cambios que outros xéneros, como a escultura, aceptaron moito antes. As xornadas evidenciarán esa transformación tanto na representación como nos materiais e nos soportes. “O que nos gustaría que quedase, explica Almudena Fernández, é un mapa da gran diversidade e da gran riqueza e enerxía que aínda ten a pintura”.

Para explicar esa transformación, as xornadas contan neste primeiro día coa presenza destacada de Antón Castro, que ofrecerá a evolución con respecto da década dos noventa. Canda el, a profesora da Universidade de Lisboa, Isabel Sabino, explicará porque se inclúen outras disciplinas na pintura como poden ser a fotografía, as performances ou o teatro, e por que se deconstrúe o espazo pictórico, cuestión que ten amplamente abordadas no libro “A pintura depois da pintura”.

Xa pola tarde, será o momento dos creadores. Berta Cáccamo, Miren Doiz e Manuel Eirís, moderados polo profesor e tamén artista visual, Ánxel Huete debaterán “Dentro ou fóra do cadro” para concretar como se materializan eses cambios.

A sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas
María Luisa Sobrino é a coordinadora da sección de artes Visuais e de Creación Contemporánea do Consello da Cultura Galega, integrada por artistas, críticos e xornalistas entre os que destaca Natalia Poncela, Chus Martinez, Camilo Franco ou Miguel Anxo Prado. O proxecto máis recente desenvolvido por esa sección é Arte+Mulleres. Informe da situación I, centrado na análise da visibilización das artistas no eido das artes visuais en Galicia, desde 1990 ata 2013. Canda este, destaca a plataforma web ATALAIA. Arte contemporánea en Galicia que veu a luz en 2010 e que consiste nunha base de datos, directorio e centro de recursos para coñecer aos artistas, as obras, os eventos, as publicacións e as entidades vinculadas á arte contemporánea en Galicia. Ademais, no marco do Álbum de Mulleres, iniciativa da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega, desenvolveron un apartado específico de Artistas visuais galegas