Continúan no Consello da Cultura as xornadas que buscan trazar un mapa actual da pintura

“Cada día nacen novos pintores, pero fano con traballos moi diferentes entre si” explicaba Isabel Sabino, artista visual e profesora da Facultade de Belas Artes de Lisboa e participante das xornadas “Arte+Pintura”, que buscan ofrecer un mapa teórico e práctico do estado actual deste xénero. Canda ela, tamén docente Antón Castro incidiu na disociación entre o mundo da arte e o mundo real, no que a pintura xoga un papel protagonista. “A pintura non é só unha técnica e iso comezou a asimilarse nos noventa, como tamén comezou a asimilarse que o cadro non era o único soporte e no que se empregan outros medios” insistiu Almudena Fernández, coordinadora xunto con María Luisa Sobrino, dunhas xornadas que conclúen este xoves no Consello da Cultura Galega.
Continúan no Consello da Cultura as xornadas que buscan trazar un mapa actual da pintura

Na sesión da tarde os creadores visuais evidenciaron dun xeito práctico o que se entende por pintura. “Son os artistas os que, coas súas obras, amplían e cambian e transforman a pintura” incidía Almudena Fernández. Empezou a súa intervención Berta Cáccamo que se definiu “como pintura dentro do cadro, na pintura abstracta” e á que lle interesa “o como se fai máis que o que se fai”. Despois, tanto Miren Doiz como Manuel Eirís fixeron un repaso comentado polas súas obras máis recentes ao tempo que foron achegando claves para comprendelas.

A segunda sesión
As xornadas continúan o xoves con David Barro e Gloria Picazo reflexionado sobre o concepto a partir do seu traballo no eido do comisariado de exposicións que recolleron as tendencias contemporáneas deste xénero. No caso de David Barro centrarase na mostra “Skyshout, a pintura despois da pintura” feita no ano 2005, temática sobre a que volvería en 2011 con “Antes de ayer y pasado mañana. Lo que puede ser la pintura hoy”. Pola tarde, serán os artistas Daniel Verbis, Din Matamoro e Tatiana Medal os que exhibirán os seus traballos cos que se completarán novos exemplos de achegarse a esta categoría artística.

Un gran mapa actual da pintura
Con esta xornada o Consello da Cultura recolle o fío dunha temática iniciada en 1995 cando Antón Castro e Juan de Nieves coordinaron unha xornada “O lugar da pintura nos 90”no momento no que empezan a ser borrosas as liñas das grandes categorías artísticas como a pintura, a escultura. Agora, son Almudena Fernández e María Luisa Sobrino as que volven sobre este asunto nun contexto diferente marcado pola popularización dos programas de retoque fotográfico, a evolución da arte e a influencia da rede. “O que nos gustaría que quedase, explica Almudena Fernández, é un mapa da gran diversidade e da gran riqueza e enerxía que aínda ten a pintura”. As xornadas evidenciarán esa transformación tanto na representación como nos materiais e nos soportes.

Outras noticias que che poden interesar