----

O CCG celebra o día da danza cunhas xornadas de debate

O 29 de abril é a data establecida pola Unesco para celebrar o Día da Danza. Unha efeméride á que se suma o Consello da Cultura Galega (CCG) coas xornadas “A danza a debate”, que terán lugar o vindeiro 6 e 7 de maio na sede da institución. A actividade, organizada pola Sección de Música e Artes Escénicas, ten aberto o prazo de inscrición. Eva Faraldo é a coordinadora destas xornadas que ofrecerán un estado da cuestión da situación actual da danza tanto no ámbito educativo como no profesional.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

xAs xornadas buscan “perfilar cal é a situación da danza a partir das que se poderán facer posteriores análises” segundo explica a coordinadora Eva Faraldo. Estrutúranse en dous días: no primeiro reflexionarase sobre a Danza Tradicional, propia da nosa riqueza cultural; mentres que no segundo día abordarase a Danza Clásica e Contemporánea. En ambas sesións procurarase debuxar unha radiografía actual tanto desde o punto de vista do eido educativo, dos centros e dos currículos educativos do ensino regrado, como desde a práctica.

No marco do programa, o bailador Sergio Cobos ofrecerá “bailegramas” unha proposta didáctica para o ensino da danza tradicional; mentres que Cristina Lata, profesora no Conservatorio de Lugo de danza clásica e tradicional, insistirá na necesidade de que haxa unha titulación específica para este tipo de danza, do mesmo xeito que existe para a música tradicional. No ámbito da segunda xornada, a directora do Conservatorio Superior de Danza de Madrid, falará do actual plan de estudos de danza no marco educativo trazado polo Espazo Europeo de Educacion Superior.
O coreógrafo Jesús Quiroga, a investigadora Raquel González e o profesor da E-TRAD (Escola de Música Folk e Tradicional) Javier Feijoo, “Chisco”, completan este programa. A inscrición nas xornadas é gratuíta, conta con cen prazas e deberá facerse a través da rede.

A Sección de Música e Artes Escénicas
A Sección de Música de Artes Escénicas está coordinada por Maximino Zumalave e conta entre os seus membros con nomes como a crítica teatral e docente Inma López Silva ou o músico e compositor Juan Durán. Entre a súa actividade recente destaca a organización das xornadas “As bandas de música na cerna da cultura popular de Galicia” ou “A música tradicional hoxe: perspectivas e retos”; así como a elaboración do informe “As artes escénicas en Galicia: situación e perspectivas”, que realiza unha análise da situación do sector das artes escénicas nos seus diferentes ámbitos, ademais de facer unha serie de propostas de política cultural para os vindeiros anos.

Día Internacional da danza
En 1982 a UNESCO, atendendo a unha proposta do Comité Internacional da danza do Instituto Internacional do Teatro (IIT), decidiu dedicar o 29 de abril como Día Internacional da Danza. A data escollida conmemora o nacemento de Jean Georges Noveverre, investigador, bailarín e creador do ballet moderno. Co gallo desta celebración, cada ano encarga unha mensaxe para difundir internacionalmente. Este ano a mensaxe recaeu no francés Mourad Merzouki (Lyon, 1973), coreógrafo, bailarín e director da Compañía Käfig do Centre Chorégraphique National de Créteil et du Val de Marne.

Outras noticias que te poden interesar: