----

Dolores Vilavedra e María Xosé Porteiro incorpóranse ao Plenario

O Consello da Cultura Galega (CCG) celebrou este mércores 30 de abril unha sesión plenaria extraordinaria na que aprobou cambios na súa composición. Nesta ocasión procedeuse á elección de membros na quenda de personalidades, en cumprimento do establecido pola lei de creación da institución. Coa incorporación de Dolores Vilavedra e María Xosé Porteiro, o plenario do CCG cumpre así a paridade dos membros electivos.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

O Plenario do CCG votou este mércores a entrada de Dolores Vilavedra (Vigo, 1963) e María Xosé Porteiro (Madrid, 1952). Con elas, iguálase a presenza de homes e mulleres que integran o Plenario en calidade de personalidades electas. Ademais destas dúas incorporacións, renovan no seu posto os profesores universitarios Xosé López, Ramón Máiz, Concepción Varela, e o músico Maximino Zumalave. Deixa de ser membro electo do pleno Henrique Monteagudo. Nesta votación, tamén se cubre a baixa deixada no seu momento por Alfonso Paz Andrade.

As novas incorporacións
Dolores Vilavedra (Vigo, 1963) é profesora titular de literatura galega na Universidade de Santiago de Compostela. Vilavedra ten unha ampla relación co Consello da Cutura Galega como membro de comisión técnica encargada de elaborar informes e deseñar proxectos para a Sección de Artes Escénicas e Musicas; e desde outubro de 2003, é membro da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación. Exerce habitualmente a crítica literaria tanto en medios informativos ou divulgativos coma especializados. Como investigadora está especialmente interesada na narrativa e o teatro galego contemporáneos nos que ten realizada numerosas publicacións, como Historia da literatura galega (Vigo, Galaxia, 1999) ou Sobre narrativa galega contemporánea (Vigo, Galaxia, 2000). De forma esporádica cultiva a tradución literaria, sobre todo da obra de Manuel Rivas e outros autores galegos ou portugueses, como António Lobo Antunes.

María Xosé Porteiro García (Madrid, 1952) é licenciada en Publicidade e Relacións Públicas pola universidade de Vigo. Xornalista, política e escritora é, desde 2013, membro da comisión de Acción Exterior do Consello da Cultura Galega. Ademais, tamén fai parte do Consello Reitor do Igadi e da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Nos anos setenta foi unha das promotoras dos Premios da Crítica Galicia, impulsou a realización das primeiras gravacións de contos infantís galegos e en galego, e promoveu a organización das primeiras xornadas do teatro galego celebradas en Vigo. Ten unha ampla traxectoria profesional no eido da comunicación corporativa e en medios de comunicación como El Pueblo gallego, La Voz de Galicia, El País, Cadena Ser ou a Revista Tiempo. Desenvolveu unha intensa actividade relacionada coa acción exterior a través de diferentes cargos entre os que destaca o de voceira adxunta na comisión de Asuntos Exteriores do Congreso dos Deputados, e directora das Delegacións da Xunta en Arxentina e Uruguai.

O Plenario do Consello da Cultura Galega
Con esta votación continúase co proceso de renovación do Pleno iniciado en marzo cando se nomearon os membros electos por designación das institucións.

O Plenario é o máximo órgano de goberno do Consello da Cultura Galega. Os cambios da súa composición teñen lugar en cumprimento da Lei de Creación do Consello da Cultura Galega (Lei 8/1983, do 8 de xullo) que establece a renovación, por metades, de personalidades cada dous anos, podendo ser reelexidas.