----

Un seminario analiza a situación do patrimonio ante as obras públicas

A construción de obras públicas (autoestradas, encoros, vías de ferrocarrís…) condiciona a configuración do territorio e os seus bens. Por ese motivo, o Consello da Cultura Galega (CCG) organiza un seminario que ten como obxectivo coñecer cales deberían ser os procedementos de actuación ante unha obra pública e a súa relación coa contorna. A cita, organizada pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais do CCG, terá lugar os días 13 e 14 de maio na sede da institución.

Iago Seara e Carlos Nárdiz,profesores da Universidade da Coruña e membros da Sección do Patrimonio de Bens Culturais do CCG son os coordinadores deste encontro. “No proceso de construción e destrución do territorio, nomeadamente as autoestradas, o AVE e outras grandes infraestruturas, non paramos de asistir a exemplos da perda do noso patrimonio”, apunta Iago Seara. Por ese motivo, entre os obxectivos desta xornada preténdese achegar solucións para perfeccionar os procesos co cometido de que non se chegue a unha situación de perda do patrimonio. “Hai que reconducir e perfeccionar os procesos para evitar a súa irreversibilidade” apunta Seara.

Dos catálogos de patrimonio aos procesos de obras públicas
O programa ofrecerá unha descrición da situación actual das obras públicas en diferentes ámbitos: desde o ferrocarril, para o que estará o xerente de área do Adif en Galicia, Juan Pablo Villanueval: o obras hidráulicas, coa presenza do xefe da Demarcación de Pontevedra de Augas de Galicia, Francisco Alonso; ata as estradas, con Carlos Lefler, xefe de Servizo de Planificación e Programación da Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta.

Ademais, tamén se pretende dar a coñecer a integración do “Patrimonio de bens culturais” nas fases de planificación, proxecto e construción; así como o de coñecer o ámbito paisaxístico, social e antropolóxico como parte da identidade dun país. Nese sentido, o programa conta coa presenza do antropólogo Marcial Gondar e do xeógrafo Augusto Pérez Alberti. Por último, directora xeral de Patrimonio Cultural, María Carme Martínez Ínsua explicará como lle afecta ao departamento que dirixe todas estas cuestións.

As xornadas, abertas ao público e gratuítas, contan con cen prazas e teñen aberto o prazo de inscrición.

A Sección de Patrimonio e Bens Culturais
A Sección de Patrimonio e Bens Culturais está coordinada por Iago Seara e conta entre os seus membros co catedrático de Historia, Alfredo Vigo Trasancos, o profesor da Universidade da Coruña, Carlos Nárdiz ou o antropólogo Marcial Gondar. Entre a actividade recente desta sección destaca a xornada “A protección dos camiños históricos en Galicia” que abordou en 2013 os temas de protección, sinalización e conservación dos Camiños de Santiago; ou a xornada “Os museos na sociedade actual. A situación en Galicia. Unha perspectiva crítica” na que analizaron as novas realidades sociais e novas formas de percibir os bens culturais e o papel dos museos na sociedade.