A situación do baile tradicional abre as xornadas "Danza a debate"

“Non está garantida a boa saúde da danza tradicional” deste xeito describiu Javier Feijoo, Chisco, o panorama actual deste xénero en Galicia. A súa intervención fixo parte da primeira das xornadas “A danza a debate” que se centrou na danza tradicional. Maximino Zumalave, coordinador da Sección de Música e Artes Escénicas, e Eva Faraldo, responsable deste encontro, foron os encargados de abrir a cita que continúa hoxe coa análise da danza clásica e contemporánea.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:
A situación do baile tradicional abre as xornadas

“Aínda que queda moito por facer, era o interese da Sección de Música e Artes Escénicas, organizar unhas xornadas para atender o mundo das artes coreográficas e, con elas, completar o mapa do ensino artístico” explicaba Maximino Zumalave no acto de apertura das xornadas “A danza a debate”. De seguido, o bailador e investigador Sergio Cobos ofreceu unha perspectiva práctica de como representar graficamente os pasos de baile tradicional nunha proposta de bailegrama.

Javier Feijoo, Chisco, fixo un repaso da situación do baile tradicional a día de hoxe empezando polos orixes, concretamente desde a muiñeira vella, a jota e muiñeira nova. Na súa intervención estableceu como cuestións fundamentais a necesidade de achegar ás novas xeracións e facelo desde un punto de vista lúdico. Ademais, destacou que os novos cambios na vida no rural e o traslado cara as urbes condicionaron as formas do baile tradicional. Por último, apuntou que a grande esperanza para a tradición de danza está en integrar estes pasos no ensino obrigatorio.

A xornada da danza clásica e contemporánea
As xornadas continúan hoxe mércores coa análise da danza contemporánea, nas que Virginia Valero, a directora do Conservatorio Superior de Danza de Madrid, falará do actual plan de estudos de danza no marco educativo trazado polo Espazo Europeo de Educacion Superior. Canda ela, Raquel González e o coreógrafo Jesús Quiroga completarán o programa actual.

Con estas xornadas búscase “perfilar cal é a situación da danza a partir das que se poderán facer posteriores análises” segundo explica a coordinadora Eva Faraldo.

A Sección de Música e Artes Escénicas
A Sección de Música de Artes Escénicas está coordinada por Maximino Zumalave e conta entre os seus membros con nomes como a crítica teatral e docente Inma López Silva ou o músico e compositor Juan Durán. Entre a súa actividade recente destaca a organización das xornadas “A música tradicional hoxe: perspectivas e retos”; así como a elaboración do informe “As artes escénicas en Galicia: situación e perspectivas”, que realiza unha análise da situación do sector das artes escénicas nos seus diferentes ámbitos, ademais de facer unha serie de propostas de política cultural para os vindeiros anos.

Outras noticias que te poden interesar: