Comeza no Consello da Cultura un seminario que analiza como lle afectan as obras ao patrimonio

Construír as grandes infraestruturas do país co menor impacto sobre o patrimonio. Como facelo é o reto que persegue o seminario “Obras públicas e patrimonio cultural”, que arrinca este martes no Consello da Cultura Galega (CCG). A cita, á que acoden representantes da Administración, empresas públicas, organismos autónomos, axencias e diferentes expertos, está organizada pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais da institución, baixo a coordinación de Iago Seara e Carlos Nárdiz.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

“No proceso de construción e destrución do territorio, nomeadamente as autoestradas, o AVE e outras grandes infraestruturas, non paramos de asistir a exemplos da perda do noso patrimonio”, apunta Iago Seara, un dos coordinadores desta cita. Por ese motivo, entre os obxectivos deste seminario preténdese achegar solucións para perfeccionar os procesos coa función de que non se chegue a unha situación de perda do patrimonio.

Anticiparse ás perdas patrimoniais, actuar sobre os proxectos
“Neste proceso de construción-reconstrución do país hai que buscar unha solución para evitar a irreversibilidade das actuacións no noso patrimonio”, indica o coordinador Iago Seara. Nese sentido, o programa pretende buscar unha solución no marco de todo o proceso que implica a construción dunha gran infraestrutura, polo que estarán representantes tanto da Administración, a través da Axencia Galega da Infraestruturas, como de diferentes departamentos de entidades como Adif ou Confederación Hidrográfica Miño-Sil. “Debe haber, nos preproxectos das grandes obras, a forma para evitar que os procesos antropóficos afecten o patrimonio, entendido como paisaxes e tamén como ben cultural” explicaba Seara.

Ademais, o seminario busca evidenciar que as grandes obras públicas teñen repercusións tanto sobre os bens culturais como tamén no ámbito paisaxístico, social e antropolóxico, todas elas configuran a identidade dun país. Nese sentido, o programa conta coa presenza de persoas destacadas como o antropólogo Marcial Gondar ou o xeógrafo Augusto Pérez Alberti.

Pecha o programa a directora xeral de Patrimonio Cultural, María Carme Martínez Ínsua, que explicará como lle afectan ao departamento que dirixe todas estas cuestións.

A Sección de Patrimonio e Bens Culturais
A Sección de Patrimonio e Bens Culturais está coordinada por Iago Seara e conta entre os seus membros Concepción Varela, María García-Alén, Pegerto Saavedra, Marcial Gondar ou Bieito Pérez. Entre a actividade recente desta sección destaca a xornada “A protección dos camiños históricos en Galicia” que abordou en 2013 os temas de protección, sinalización e conservación dos Camiños de Santiago; ou a xornada “Os museos na sociedade actual. A situación en Galicia. Unha perspectiva crítica” na que analizaron as novas realidades sociais e novas formas de percibir os bens culturais e o papel dos museos na sociedade.

Outras noticias que te poden interesar: