----

O seminario Obras Públicas e Patrimonio revela que as infraestruturas xeran o corenta por cento dos expedientes arqueolóxicos

Os exemplos da variante de Caldas ou o xacemento de Coeses foron algúns dos casos que se comentaron na primeira sesión do seminario “Obras públicas e patrimonio cultural”, cita que se iniciou hoxe no Consello da Cultura Galega (CCG). A primeira sesión puxo de manifesto a necesidade da coordinación non só entre as diferentes administracións, senón tamén entre os distintos departamentos. Ademais, incidiuse na importancia de mellorar as fases previas anteriores á execución das obras públicas, que supoñen o 40% dos expedientes que tramita anualmente a Consellería de Cultura. Ramón Villares, presidente do CCG, e Xesús Vázquez, conselleiro de Cultura, Educación e Orientación Universitaria inauguraron esta xornada que remata hoxe coas lectura das conclusións.
O seminario Obras Públicas e Patrimonio revela que as infraestruturas xeran  o corenta por cento dos expedientes arqueolóxicos

“As relacións entre o patrimonio e as obras públicas son, de sempre, conflitivas porque obedecen a tensións diferentes, por iso, celebro que se produza esta reflexión e que teña lugar no Consello da Cultura Galega” apuntou Ramón Villares, presidente da institución no acto de inauguración. O conselleiro, Xesús Vazquez, incidiu nesa idea e expuxo “que precisamos dun traballo conxunto e sostido”.

A importancia dos estudos previos
“Estanse a facer as cousas ben?” preguntábase Carlos Nardiz, coorganizador desta cita xunto con Iago Seara, na súa intervención inicial. Pregunta á que pretende responder este seminario organizado pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais do CCG. Nardiz puxo de manifesto a complexidade dunha obra pública e incidiu na necesidade da colaboración institucional. De feito, esta foi unha das ideas que se repetiron polos relatores ao longo da primeira sesión. A segunda, enunciábana Juan Antonio Naveira Seoane e Manuel María Chaín Perez, subdirectores da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia nas súas intervencións: a necesidade de mellorar os estudos previos. Foi Chaín quen lle puxo números á realidade das obras públicas, “supoñen o 40 por cento dos expedientes que se tramitan cada ano, o 60 por cento son de promotores privados”. Ademais, ofreceu un novo punto de vista, o de que as obras públicas axudan tamén a coñecer o noso patrimonio, engadindo material aos catálogos e os inventarios. “O inventario arqueolóxico da Xunta está conformado por unhas 15.000 fichas que non están pechadas, senón que cada día se incorporan arredor dunhas trinta novas” apuntou.

Casos prácticos: da variante de Caldas ao xacemento de Coeses
Na primeira sesión tamén se comentaron casos concretos para ver os conflitos xurdidos e as súas solucións. Federico Saldaña, enxeñeiro da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia explicou o caso da nacional 550, a variante de Caldas, que une A Coruña e Tui. “´Foi unha infraestrutura que sufriu recortes pola crise, cambios de goberno, paralizacións, obras patrimoniais… numerosas casuísticas dun trazado que empregan diariamente 5.000 vehículos” explicou. Unha situación co agravante de que “toda Caldas en si mesmo está sinalizada como un depósito arqueolóxico” que serviu para ver que conflitos se produciron e como se solucionaron. Cambios de trazado, cambios construtivos nos materiais empregados para muros de contención, proteccións especiais para os peregrinos que fagan o camiños portugués… son algunhas das solucións que se concretaron no exemplo exposto por Saldaña.

O outro caso que xurdiu ao longo do seminario foi o de Coeses, como un exemplo da necesidade dos estudos previos que evitarían a destrución do patrimonio. Manuel Chaín, subdirector xeral de Conservación e Restauración, fixo unha cronoloxía dun trazado que sufríu catro modificacións en plena fase de execución de obra. Uns cambios que tiveron un impacto económico que Chaín cuantificou “en medio millón de euros a actuación arqueolóxica directa mentres que para Fomento a valoración nos traballos complementarios era dun millón, co que superaba a previsión para todo o tramo de arqueoloxía”. Chaín tamén recoñeceu que, de ter realizado estudos ambientais previos, se terían evitado “canto menos, as paralizacións”.

Conclusións
O seminario remata hoxe analizando os estudos de avaliación ambiental e a paisaxe, así como o papel dos axentes sociais. María Carmen Martínez Ínsua, directora xeral do Patrimonio Cultural da Xunta, será a encargada de pechar os relatorios, antes de que os coordinadores ofrezan as conclusións deste seminario.