O seminario Obras Públicas e Patrimonio pide máis rigor nos estudos previos á avaliación ambiental

A esixencia dun maior rigor e exhaustividade nas etapas preproxectuais e de estudo de impacto ambiental e arqueolóxico é a principal idea que se abordou no Seminario Obras Públicas e Patrimonio Cultural que rematou hoxe no Consello da Cultura Galega(CCG). Durante día e medio expertos, investigadores, e responsables de departamentos da Administración e de empresas públicas relacionadas coas obras públicas debateron sobre como construír esas infraestruturas sen contribuír a unha perda irreversible do noso patrimonio.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

“Mellorando a calidade dos estudos previos se evitarán os sobrecustes e paralizacións non desexadas por ningunha administración” asegurou Carlos Nádiz, codirector xunto con Iago Seara dun seminario que apuntaron numerosas ideas para optimizar as prácticas actuais. Entre elas, a necesidade de mellorar os protocolos de colaboración entre as administracións. Nese sentido, entre as ideas apuntadas figuraba a de axilizar os prazos para poñer en funcionamento as ferramentas tecnolóxicas que fagan visilbe e accesible o inventario e os catálogos de bens culturais. Ademais, o seminario incidiu en outras cuestións como a necesidade de establecer xerarquías nos criterios de protección patrimonial, para saber que se debe conservar e que non, así como a conveniencia de educar nunha maior concienciación social sobre estes asuntos. Todas as ideas serán debidamente analizadas e estudadas polos membros da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega que elaborarán unhas conclusións oficiais nos próximos días.

A importancia dos estudos previos
Nalgunhas intervencións puxéronse de manifesto que os procedementos son mellorables. Rebeca Blanco, investigadora do Laboratorio de Patrimonio, Paleoambiente e Paisaxe do Instituto de Investigacións Tecnolóxicas da USC, insistiu na necesidade “de que en lugar de novos procedementos, creo que hai que mellorar os que hai”. Ao tempo, insistiu en que “a avaliación arqueolóxica é cara, pero hai que ter recursos”. Para dimensionar a realidade, durante o seminario ofrecéronse cifras como que a investigación arqueolóxica supón un 1% do orzamento total dunha obra pública, e que, feita con rigor podería evitar unha paralización ou modificacións que teñen un custe medio dun 20% sobre o presupostado inicialmente. “Actuar en fase de obra implica máis custe e unha peor solución, ás veces, irreversible” asegurou Iago Seara.

Por outra banda, o seminario contribuíu a plasmar outra realidade. “A obra pública permite facer visible patrimonio que non é visible” asegurou Carlos Nárdiz. Idea que apoiou Manuel Chaín, subdiretor da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta quen recoñeceu que a maior parte da información que manexan chega de obras públicas.

Diferentes visións do patrimonio
“O patrimonio non é unha cousa, un obxecto senón que está na nosa cabeza” asegurou o antropólogo, Marcial Gondar ao asegurar que a clave está en mellorar a percepción social sobre o noso patrimonio. “Hai que evitar posicións extremas, tanto dos que consideren que o hai que conservar todo,como aqueles que consideran que só o novo serve” puntualizou no marco dunha mesa sobre o papel dos axentes sociais na Conservación do Patrimonio Cultural do Territorio. Canda Gondar, os relatores do segundo día do seminario incidiron na importancia de considerar como patrimonio son só o arqueolóxico nin o inmoble, senón tamén o hidráulico, industrial, ou o inmaterial.

A realidade á palestra: exemplos de casos prácticos
Durante as dúas sesións nas que se celebrou o seminario, comentáronse numerosos exemplos de problemas relacionados co patrimonio ante a construción de obra pública. A Mámoa da Chousa en Silleda, a construción da variante de Caldas, o xacemento de Coeses, o poboado de Fontao son algúns dos casos que se citaron tanto por parte do público asistente como dos relatores convidados ao seminario. Con todo, tamén se destacou que o 60% dos expedientes que se tramitan desde a Consellaría de Cultura responden a promotores privados.

Outras noticias que te poden interesar: