Unhas xornadas descobren a Lino Novás Calvo, o escritor e xornalista que traduciu a Hemingway

Lino Novás Calvo (Grañas do Sor, 1903-Miami 1983) non responde ao perfil arquetípico do emigrante. Non tiña a esperanza de ser recoñecido na súa Galicia natal nin foi anónimo. Novás foi moitas cousas: dependente, libreiro e mesmo "fotingueiro", pero tamén escritor de referencia, xornalista reputado e tradutor recoñecido. O Consello da Cultura Galega analiza o seu legado nunhas xornadas que terán lugar na sede da institución os días 19 e 20 de xuño. Está aberto prazo de inscrición e conta con 100 prazas.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

“No soy español ni cubano: soy un emigrante” así se autodefiniu Lino Novás Calvo nunha carta que lle enviou ao hispanista Alemán W. Pabst en 1932. Unha definición que sintetiza o perfil biográfico dun galego que emigrou a Cuba moi novo, de onde se tivo que exiliar cara ós Estados Unidos. E esas tres coordenadas xeográficas aparecen representadas nas xornadas sobre Lino Novás que organiza o Consello da Cultura Galega. Pilar Cagiao, profesora da USC, achegará o contexto histórico en que se desenvolveu Novás en Cuba, explicando a época anterior á revolución. Sobre a súa etapa nos Estados Unidos falará Alex Alonso, profesor do Booklin College, City University of New York, que o situará no contexto dos exiliados españois nas universidades americanas. A conexión galega chega da man de Bernardo Penabade, profesor do IES Perdouro de Burela, e de Emilio Grandío, da Universidade de Santiago de Compostela.

Un emigrante excepcional
A súa formación literaria e o coñecemento de idiomas, principalmente do francés e do inglés, marcaron a diferenza entre Novás e o resto de emigrantes. Foi dependente e libreiro, pero tamén escritor de referencia. O seu romance El Negrero (Madrid, 1943) foi o punto de partida dunha carreira literaria en que unha das súas obras máis destacadas foi Maneras de contar, que tivo unha versión posterior publicada tras a súa morte (Otras maneras de contar). Precisamente o editor desta, Carlos Espinosa , profesor da Missisipi State University, estará nas xornadas para explicar a relevancia desta obra.

Como xornalista, Novás foi correspondente de revistas como Orbe, e xefe de redacción de Bohemia, a revista literaria máis famosa de Cuba, e sobre a que Cira Romero falará de maneira estendida na segunda sesión das xornadas. Foi correspondente de guerra e, como tal, cubriu a Guerra Civil española.

A tradución foi outra das facetas que Novás cultivou con grande éxito. Especializado en William Faulkner, traduciu a Aldous Huxley, Honoré de Balzac, D. H. Lawrence, John Dos Passos, Aldous Huxley e tamén a Ernest Hemingway. Foi precisamente este último, a quen tratou con frecuencia en Cuba e co que tiña moitas coincidencias ideolóxicas, e quen lle pediu que fixese a versión española de El viejo y el mar.

Completan o programa Luís González Tosar e Xosé Neira Vilas, que afondarán novas lecturas sobre a súa figura e o seu legado. Ademais, a faceta máis persoal vaina achegar a súa filla, Himilce Novas, que participará nas xornadas a través de videoconferencia.
Proxecto de recuperación documental

Foi Himilce Novás quen lle entregou ao Consello da Cultura Galega numerosa documentación sobre o seu pai. Un legado que inclúe desde fondos da revista Bohemia, ata o contrato para a edición da versión española de El viejo y el mar pasando polos carnés de cando cubriu a Guerra Civil española e un dos seus reloxos.

Todo o legado documental de Novás acaba de ser dixitalizado e, en breve, estará a disposición dos usuarios na rede. Insírese dentro dun proxecto máis amplo que se chama Colección Arquivos Particulares, que permite a dixitalización de arquivos persoais e fondos privados doados ao Consello da Cultura Galega. Este proxecto reúne unha importante colección de arquivos persoais de senlleiras figuras da nosa literatura e política como son Valentín Paz-Andrade, Luís Seoane, Manuel Puente, Antonio Pérez Prado, Xosé Benito Abraira, Carlos Maside, Isaac Díaz-Pardo, Luís Tobío, Silvio Santiago ou Ramón Piñeiro. Hoxe en día a colección inclúe máis de 25 000 documentos (cartas, postais, tarxetas de visita, manifestos, apuntamentos...) orixinais ou copias.

Outras noticias que te poden interesar: