----

Ramón Villares é reelixido presidente do Consello da Cultura Galega

A sesión plenaria extraordinaria do Consello da Cultura Galega (CCG) celebrada esta tarde vén de elixir o presidente da institución para os vindeiros catro anos. Con vinte e dous votos a favor e un en branco, Ramón Villares renova no posto. A súa candidatura foi a única presentada e coa reelección inicia o que será o seu último mandato.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

A candidatura de Ramón Villares precisaba para ser elixida a metade máis un dos votos dos membros do Pleno. Acadou vinte e dous dos vinte e tres asistentes. Antes da votación, Ramón Villares tivo unha quenda de palabra na que fixo un balance dos proxectos acometidos na lexislatura saínte e avanzou os que serán os obxectivos para os vindeiros catro anos. Entre eles, destacou a necesidade de incidir no papel de asesoría que ten a institución.

O procedemento para a elección de presidente
As normas de funcionamento interno do Consello da Cultura Galega establecen que as candidaturas á Presidencia deberán ser presentadas e avaladas por un mínimo de seis membros do Pleno. Neste caso, a candidatura de Ramón Villares foi proposta por Francisco Díaz Fierros, Rosario Álvarez, Xosé López, María Xosé Agra, Concepción Varela, Yzquierdo Perrín e Iago Seara, entre outros membros do Pleno.

O regulamento de organización e funcionamento do Consello da Cultura Galega (Decreto 162/2008, do 10 de xullo) establece, no seu artigo 13.3, que o mandato do presidente será de catro anos, e poderá ser renovado por unha soa vez. Un imperativo que entra en vigor desde a súa publicación no ano 2008.

O nomeamento do presidente electo non será efectivo ata a publicación do decreto da Xunta de Galicia por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Segundo establece o citado regulamento, con carácter previo ao nomeamento, porase en coñecemento do Parlamento de Galicia, o nome das persoas propostas para o cargo de presidente do Consello da Cultura Galega co fin de que poida dispor a súa comparecencia ante a misión correspondente da Cámara.

Ese mesmo decreto establece que, entre as súas competencias, figura a dirección de goberno da administración do Consello da Cultura Galega, a súa representación e o establecemento das directrices xerais da acción de goberno e a vixilancia do seu cumprimento.

O catedrático Ramón Villares
Ramón Villares naceu en 1951. Ten investigado amplamente sobre a historia agraria e historia social, a historiografía e historia cultural así como os estudos migratorios. Ámbitos en que ten publicado obras tan destacadas como La propiedad de la tierra en Galicia, 1500-1936, (Editorial Siglo XXI, Madrid, 1982), Donos de seu. Estudios de historia agraria de Galicia, (Barcelona, 1988) ou Historia da emigración galega a América, (Santiago, 1996). Foi decano da Facultade de Xeografía e Historia entre 1986 e 1990, reitor da Universidade de Santiago entre 1990 e 1994, e membro fundador e presidente da Asociación Española de Historia Contemporánea (1996-2002). Destaca tamén a súa faceta de investigador en proxectos do CICYT e da Xunta de Galicia.

Participa no consello asesor de revistas como Ayer, Historia Social, Hispania ou Ler Historia, algunhas delas internacionais. É membro do consello editorial de Marcial Pons, Ediciones de Historia (Madrid), dos padroados do Museo do Pobo Galego, da Fundación Luís Seoane, da Fundación Otero Pedrayo e da Fundación Juana de Vega, entre outras entidades.

Ramón Villares entrou no Consello da Cultura Galega en xaneiro de 2003 como personalidade destacada da cultura galega. Foi o responsable da Sección de Cultura Galega no Exterior e director do Arquivo da Emigración Galega. Foi elixido presidente da institución o 20 de abril de 2006, cargo que renovou en 2010. Un mandato en que incidiu na necesidade de converter o CCG nun laboratorio de ideas, continuar coas tarefas de alta asesoría e traballar cara a unha maior proxección exterior da cultura galega.