----

Luces de Alén Mar, mostra sobre as escolas de americanos en Galicia, chega a Cabreiros e Betanzos

Luces de Alén Mar é unha exposición organizada polo Consello da Cultura Galega que concentra a información sobre as escolas que se crearon en Galicia financiadas polos nosos emigrantes. Un feito con gran relevancia no noso país e que se pode ver, en dúas versións pero cos mesmos contidos, en Betanzos e Cabreiros.

O título da exposición evoca os seus contidos. Dunha banda, fai alusión ao compoñente ilustrado das escolas (“luces”) e, da outra, á orixe da iniciativa (“alén mar”). Ao mesmo tempo, pretenden ser unha homenaxe ao traballo e á xenerosidade de tantos emigrantes que, de forma modesta pero sistemática, contribuíron a erguer escolas, soster os seus gastos e modernizar os valores educativos de Galicia. A exposición, organizada polo Consello da Cultura Galega co comisariado de Vicente Peña, consta de dúas versións, coa finalidade de adaptarse aos diferentes espazos expositivos, pero cos mesmos contidos que estes días coinciden en dúas localizacións diferentes: Cabreiros (Lugo) e Betanzos. Esta mostra compleméntase co proxecto As escolas da emigración, que recupera o legado educativo da emigración a través da catalogación e identificación nun mapa web das construcións escolares financiadas polos emigrantes nas catro provincias galegas.

A exposición en Cabreiros
Desde hai dez anos, a localidade xermadina de Cabreiros, promove unhas xornadas interxeracionais rurais que serviron para analizar a necesidade de dinamizar o medio rural desde diferentes ópticas. Un encontro ao que asistiu o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e que serviu de marco para achegar a exposición Luces de Alén Mar.

A exposición en Betanzos
Betanzos tivo un papel moi destacado na emigración galega. Foi o referente en canto a escolas financiadas desde a emigración, que tivo nos irmáns García Naveira o seu máximo expoñente. Por iso, era unha parada obrigatoria no itinerario fixado dentro da exposición Luces de Alén Mar, que documenta as escolas de americanos en Galicia. A exposición, que está instalada no Liceo de Betanzos, está aberta ata o 31 de maio. A mostra encádrase dentro das xornadas de formación e sensibilización sobre a atención á diversidade.
O Arquivo de Emigración Galega
O Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega vén traballando desde os seus inicios, en 1992, na recuperación e posta en valor dos legados dos emigrantes galegos. Sobre todo, prestou atención ás accións solidarias e altruístas daqueles que financiaron, implementaron, custearon e sostiveron as construcións escolares, retribuíndo a Galicia coas remesas propiciadoras da escolarización e da instrución. Neste proxecto, do mesmo xeito que outros desta liña de traballo, colabora a Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia.

Luces de alén mar. As escolas de americanos en Galicia vén a subliñar, dunha parte, a dimensión da efeméride do centenario fundacional das sociedades galegas de instrución radicadas en América e, doutra, as súas realizacións académicas nas localidades de procedencia dos emigrantes.