----

Ramón Villares presentou en Braga O século de Xelmírez

O reitorado da Universidade do Minho acolleu o pasado venres 23 de maio a presentación de O século de Xelmírez, unha publicación que contén as actas do congreso internacional organizado polo Consello da Cultura Galega (CCG). Unha presentación á que acudiu o presidente do CCG, Ramón Villares; o vicerreitor desa universidade, Rui Vieira de Castro; un dos coordinadores do libro, Fernando López-Alsina, e José Viriato Capela, catedrático de Historia e director da Casa-Museu de Monção.
Ramón Villares presentou en Braga <i>O século de Xelmírez</i>

O século de Xelmírez é unha publicación que compila toda a documentación xerada polo congreso internacional realizado en 2010. Unha actividade organizada polo CCG e que permitiu achegar novas perspectiva sobre a figura deste bispo que goza de irregular sona e que foi acusado de traidor á causa galega e, tamén, de promotor da cristiandade. Diego Xelmírez foi o primeiro arcebispo da sé metropolitana de Compostela e unha figura central dos reinos cristiáns das primeiras décadas do século XII. A súa obra Historia Compostelana está considerada como unha das publicacións fundadoras da identidade cultural de Galicia. “A acción de Xelmírez supuxo adoptar unha vía «franca» ou ultrapirenaica, no canto de escoller unha vía «lusitana» cara á fronteira do sur, que tivo como principal resultado a formación do reino de Portugal e a incardinación da Gallaecia lucense no marco da monarquía leonesa e castelá” explica o presidente do Consello da Cultura Galega no limiar do libro que se acaba de presentar.

Grandes figuras da cultura galega
O achegamento á figura de Xelmírez insírese nun dos obxectivos centrais do Consello da Cultura Galega, que procura fomentar análises renovadas e interdisdiciplinares de grandes figuras da cultura galega. Rosalía de Castro, Ramón Otero Pedrayo, Martín Sarmiento, Luís Seoane ou Álvaro Cunqueiro son algúns dos persoeiros aos que o CCG lles ten prestado atención.

O século de Xelmírez pódese descargar desde aquí e desde a mediateca consultar toda a información (audios, vídeos, extras…) do congreso (18-20 de novembro de 2010)