----

Un seminario analiza a protección dos Conxuntos Históricos da costa

As vilas costeiras son moito máis que ese destino turístico ou lugar de vacacións. Son o 15 por cento da superficie do noso país e concentran máis da metade da poboación. O turismo, os intereses económicos e a presión demográfica acabaron por exercer un impacto nos espazos naturais e naqueles territorios con valores culturais como son os Conxuntos Históricos. Xeógrafos, arquitectos, paisaxistas, historiadores e especialistas nestas materias debaterán a situación desta realidade tomando como exemplos os casos de Rinlo, Muros, Combarro e Cambados. Iago Seara e Rafael Vallejo coordinan o seminario Os conxuntos históricos no borde marítimo galego que terá lugar no Consello da Cultura Galega os días 1 e 2 de xullo. Ten aberto o prazo de inscrición e conta con cen prazas.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

Rinlo, Muros, Combarro e Cambados son núcleos costeiros que, ademais, contan con núcleos edificados con valor cultural que os converte en Conxuntos Históricos. Agora ben, cada un deles ten características físicas, paisaxísticas e a súa conservación respondeu a casuísticas diferentes. Así mesmo, “son suficientes exemplos para valorar os esquemas, criterios e conservación levados a cabo para analizar e aceptar qué queremos preservar e de que maneira de cara ao futuro” apuntaba Iago Seara, coordinador da Sección de Patrimonio e Bens Culturais e responsable deste seminario.

Catro vilas con actuacións diferenciadas
Rinlo é o primeiro dos casos que se analizará no transcurso do seminario. Carlota Eirós, arquitecta e autora da Memoria para a incoación do Conxunto Histórico de Rinlo, explicará en que situación está o proceso de declaración como Conxunto Histórico deste espazo que hoxe en día non conta con ningunha figura xurídica de protección.
O seguinte dos casos é o de Muros. Alfonso Díaz Revilla, membro da oficina de Planeamento ofrecerá un balance do que foi a conservación, protección e difusión desta localidade coruñesa que está a sufrir a presión urbanística derivada de ser un destino turístico de crecente demanda. Características que comparte con Cambados, caso que pecha as intervencións da primeira sesión, e que ten o feito diferencial do interese económico das industrias do mar e da pesca que condicionan este espazo. Será Javier Montero Pérez, técnico municipal da Área de Rehabilitación Integral quen explicará o caso de Cambados.

O caso de Combarro ocupará especial atención e centrará a segunda das sesións do seminario. Os dous coordinadores das xornadas, Iago Seara e Rafael Vallejo, xunto coa arquitecta da Xunta de Galicia Teresa Nieto ofrecerán cadansúa intervención para analizar como pasou de ser, en palabras de Iago Sera, “un paradigma das características dun Conxunto Histórico ata paradigma da perda da súa identidade”.

O seminario pechará cun debate e conclusión que pretende facer un balance sobre a eficacia dos Plans especiais dos Conxuntos Históricos a raíz dos casos analizados.

Outras noticias que te poden interesar: