----

O Consello da Cultura Galega emitirá un informe sobre o estado do illote de Guidoiro Areoso

Os coordinadores das seccións de Patrimonio e Bens Culturais máis a de Ciencia, Natureza e Sociedade, Iago Seara e Francisco Díaz-Fierros, respectivamente, desprazáronse o serán pasado ata o Illote de Guidoiro Areoso para coñecer o seu estado. Despois desta primeira toma de contacto deste espazo caracterizado pola súa riqueza natural e un relevante conxunto arqueolóxico, acordaron que as súas respectivas seccións elaborarán un informe.

Os coordinadores das seccións de Patrimonio e Bens Culturais, Iago Seara, e da de Ciencia, Natureza e Sociedade, Francisco Díaz-Fierros, formaron parte dunha visita á que tamén acudiron arqueólogos que están a realizar unha investigación sobre o espazo, como son Iñaki Vilaseco, da Xunta de Galicia, e Patricia Mañana-Borrazás do INCIPIT-CSIC.

O illote de Guidoiro Areoso
O illote de Guidoiro Areoso está localizado na ría de Arousa, dentro do concello da Illa de Arousa. É o maior dos illote que conforman o arquipélago de Rúa e Os Guidoiros e ten unhas nove hectáreas de extensión, boa parte deles cubertas de area, coa presenza de dunas activas e batolitos graníticos.

Canda a riqueza natural do illote, Guidoiro Areoso presenta un relevante conxunto arqueolóxico conformado por túmulos megalíticos de época neolítica, un asentamento de comezos da Idade do Bronce e cistas funerarias desa época, ademais dun paleosolo no que se conservan numerosos restos do asentamento da Idade do Bronce en bo estado de conservación, como fauna mariña ou cerámica. A dinámica das mareas, os temporais e a erosión poñen en perigo o rexistro arqueolóxico.