----

O Consello da Cultura homenaxeará o Consello de Galiza polo setenta aniversario da súa creación

O Consello da Cultura Galega (CCG) aprobou o calendario de actividades para o segundo semestre do ano no marco dunha sesión plenaria ordinaria que tivo lugar no serán deste xoves 17. Entre os asuntos que acometeu o máximo órgano de goberno da institución, destaca a realización dun simposio que abordará os exilios ibéricos en clave comparada e que servirá para homenaxear o 70 aniversario da creación do Consello de Galiza. Ademais, avanzóuselles aos membros do Plenario o proxecto Gallaecia Monumenta Historica, que supón a dixitalización da documentación sobre a Idade Media en Galicia e que será presentado en setembro. Por último, aprobouse a incorporación do director e pianista Maximino Zumalave á Comisión Executiva da entidade.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

O Plenario do Consello da Cultura Galega aprobou este serán o calendario de actividades para o segundo semestre, que continuará na liña de traballo habitual da institución. Son as primeiras actividades realizadas tras a reelección de Ramón Villares como presidente, do que será o seu último mandato. Entre as actividades previstas de aquí a final de ano, destaca a realización do simposio Os exilios ibéricos en clave comparativa: nos 70 anos da fundación do Consello de Galiza. Trátase dunha actividade que se sitúa nunha liña de traballo de atender a Galicia do exterior, xa abordada este ano coa celebración de varias iniciativas para pór en valor a obra cimeira de Castelao, Sempre en Galiza.

Canda a estas actividades, no segundo semestre presentarase un informe sobre a presenza das mulleres nas artes plásticas, que terá como complemento a organización dunha xornada centrada na figura de Elena Colmeiro. Ademais, entre as iniciativas aprobadas, nos vindeiros meses terán lugar as xornadas A converxencia dixital nas institucións da memoria, que pretende estudar os novos desafíos que a dixitalización lles ofrece aos arquivos de cara á preservación e conservación do material. Destaca tamén a actividade que o CCG ten previsto realizar en Monção (Portugal) no mes de outubro baixo o título Conversas na raia. No 150 aniversario do establecemento da fronteira hispano-lusa.

Gallaecia Monumenta Histórica
No vindeiro mes de setembro terá lugar a presentación do proxecto Gallaecia Monumenta Historica, que neste serán lles foi avanzado aos membros do Plenario. Trátase dunha proposta que ten como obxecto poñer ao servizo de investigadores e público xeral o amplo corpus de documentación medieval de Galicia. A través da dixitalización e da edición dos materiais, os usuarios poderán acceder ao catálogo de publicacións e documentos de maneira horizontal, explorando conceptos, persoeiros e lugares con independencia do volume en que fosen publicados.

Maximino Zumalave incorpórase á Comisión Executiva
Entre as decisións adoptadas figura a incorporación de Maximino Zumalave á Comisión Executiva, ata o de agora conformada por Ramón Villares como presidente; Francisco Díaz-Fierros e Rosario Álvarez como vicepresidentes, e Xosé López como secretario. O regulamento de organización e funcionamento do Consello da Cultura Galega (DOG 105, 5 de agosto de 2008) establece que a Comisión Executiva terá un máximo de sete compoñentes elixidos polo Pleno por proposta do presidente.

Director e pianista compostelán, Maximino Zumalave formouse musicalmente en Santiago, Madrid, Viena e Stuttgart. Foi discípulo de Ángel Brage, Rosa Sabater, Guillermo González, John Elliot Gardiner e Helmuth Rilling. Fundador e director do Coro Universitario de Santiago e do Collegium Compostellanum, principal director invitado da Orquestra Sinfónica de Galicia (1992-1995) e director asociado da Real Filharmonía de Galicia, formación da que foi fundador. Director asociado da Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia e profesor de Sinfonismo nos Cursos Universitarios Internacionais de Música en Compostela. Con Maximino Zumalave actuaron solistas como J. Achúcarro, T. Barto, M. Bayo, E. Bitetti, R. Buchbinder, R. Castromil, A. Ciccolini, J. Colom, V. Gens, V. Georghiu, W. Holzmair, as irmáns Labèque, N. Lahusen, A. de Larrocha, A. León Ara, Ch. Margiono, A. Nafé, M. Orán, A. Rolfe Jonson, G. Sandor, J. Soriano, I. Vermillion e F. P. Zimmermann, entre outros. Frecuente e moi especial é a súa colaboración con Teresa Berganza en diferentes países de Europa.

Dirixiu importantes formacións tanto estranxeiras como españolas, como a Orquestra de Cámara de Stuttgart, The English Chamber Orchestra, Sinfónica de Praga, Orquestra da Ópera Nacional de Sofía, Nacional de Lille, Sinfónica de Odense, Sinfónica de Porto, The Brabants Orchester (Eindhoven), Orkest van het Oosten (Enschede), English Baroque Soloist, Bach Collegium, Nacional de España, Sinfónica de Madrid, Ciudad de Barcelona, Sinfónica de Tenerife ou a Orquesta Ciudad de Granada, entre outras.
Foi invitado a participar en xurados e presidir importantes certames e premios internacionais.

En febreiro de 1995 foi elixido académico de número da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario e, dende 2010, é membro do Plenario e coordinador da Sección de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega. En xuño de 2008 o Consello da Xunta de Galicia concedeulle a Medalla Castelao.