NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega achégase á biografía de José Rubia Barcia cun libro-disco

O Consello da Cultura Galega (CCG) presentou este serán, na Galería Sargadelos de Ferrol, o libro-disco Jose Rubia Barcia: Unha vida contada. A publicación insírese dentro da colección As Nosas Voces, e recolle unha entrevista que González Herrán lle fixo a Rubia Barcia en 1985. Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, o autor da publicación, e mais o seu sobriño, Xoán Rubia, participaron nesta presentación, que ofrece novos datos sobre este recoñecido hispanista no día en que se cumpren cen anos do seu nacemento.

Cando en 1985 o catedrático de Literatura hispánica José Manuel González Herrán entrevistou a José Rubia Barcia, facíao co obxectivo de dar un artigo para unha revista sobre literatura e hispanismo. Pero a conversa acabou por converterse nunha narración dunha intensa biografía. Aquel artigo nunca se chegou a publicar, e esa conversa permaneceu inédita ata que agora o Consello da Cultura Galega a edita dentro da súa colección de libro-CD As Nosas Voces.

José Rubia Barcia
José Rubia Barcia foi un dos máis recoñecidos valleinclanistas, publicou importantes traballos sobre literatura española moderna e contemporánea: Rosalía de Castro, Pardo Bazán, Unamuno, Gabriel Miró, Américo Castro, García Lorca, León Felipe, Larreda, Sender, Aleixandre…; escribiu traducións (principalmente de César Vallejo para o inglés), ensaios, teatro, poemas, guións de cine. E, como intelectual, inequivocamente comprometido coa República e co socialismo, decenas de artigos de tema político en xornais e revistas do exilio, algúns dos cales reuniu no volume Prosas de razón y hiel.

Jorgue Guillén dixo del que ten unha obra de “difícil clasificación y, por eso, su singularidad antigenérica, de ardua comprensión”. Para Eugenio Granell, coa súa obra Tres en uno, Auto sacramental a la antigua usanza adiantouse vinte anos ao “teatro do absurdo”.

Decantouse pola universidade, pero puido ter desenvolvido unha frutífera carreira cinematográfica. Fixo guións con Luís Buñuel, traballou para a Fox, a Warner… e casou cunha coñecida actriz do momento. Doblaxes, traducións en cine e en teatro completan un perfil interesate dun home que regresou a Galicia en escasas ocasión tralo seu exilio.

Descarga a publicación aquí