Dúas son as vertentes nas que se centra o programa da XVI edición dos Encontros de Normalización Lingüística: dunha banda atende a contrastar a situación (evolución, perspectivas, sociolingüística…) das linguas cooficiais, como son o catalán e o vasco. A segunda céntrase nos diferentes aspectos da política lingüística española en relación co multilingüismo interno. Henrique Monteagudo e Susana Mayo son os coordinadores deste encontro, que tamén se poderá seguir en directo a través da páxina web do Consello da Cultura.
Primeiro día: as outras linguas cooficiais
“Nesta ocasión imos facer un esforzo para que sexan os propios especialistas de cada territorio os que expliquen cada lingua empregando as mesmas variables, como o coñecemento, uso e lingua inicial, para así poder ofrecer unha perspectiva comparada” asegura Henrique Monteagudo. Polo caso catalán estará Miquel Pradill, que é profesor titular de Fonética e Fonoloxía e de Sociolingüística do Departamento de Filoloxía Catalana da Universitat Rovira i Virgili e membro do Institut d’Estudis Catalans e do Consell Social de la Llengua Catalana da Generalitat de Catalunya. No caso vasco falará Patxi Batzarrika, que é o viceconselleiro de Política Lingüística do Goberno Vasco. Será David Guardado, pedagogo e profesor, quen se encargará de dar a perspectiva do caso asturiano.
Segundo día: a perspectiva da España plurilingüe
Para o segundo día dos encontros, o coordinador establece que “prestamos atención á España castelanfalante e á política das institucións, como poden ser os tribunais ou os medios de comunicación”. Para estes asuntos, estarán presentes Francisco Caamaño, que foi ministro de Xustiza entre 2009 e 2011. O xornalista Iago Martínez será o encargado de analizar a diversidade de linguas de España nos medios de comunicación, mentres que o antropólogo Andrés Barrera falará do “plurilingüismo na cultura lingüística española”.
Nese segundo día, que se desenvolve en horario de mañá e tarde, integrarase a política lingüística dentro do marco europeo. Para iso, Alba Nogueira e Carmen Alén serán as encargadas de situalo no marco da política europea e, nomeadamente, na Carta europea das linguas rexionais e minoritarias.
Completa o programa Xaime Subiela, para analizar a sociolingüística e a glotopolítica en galego, e Héctor Silveiro, que fará un achegamento á situación do galego que se fala en Estremadura hoxe en día.
O encontro inclúe tamén a proxección de Fronteiras, o documental elaborado por Rubén Pardiñas que aborda un percorrido polos límites culturais e xeográficos de Galicia. Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Manuel Beiras, Manuel Fraga, Xosé Ramón Barreiro Fernández, Francisco Fernández Rei son algúns dos entrevistados neste documental.