----

Pechan os XVI Encontros para a Normalización apelando a un novo marco discursivo para o galego

Durante dous días, filólogos, sociolingüistas, politólogos, sociólogos e antropólogos estiveron no Consello da Cultura Galega analizando a realidade plurilingüística de España. Os XVI Encontros para a Normalización Lingüística, organizados Consello da Cultura Galega (CCG) a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, conclúen este serán centrándose na situación do galego e na necesidade dun novo consenso. Esta edición abriu o seu marco de actuación e buscou contrastar as diferentes evolucións entre as linguas cooficiais das nacionalidades e reflexionar sobre a política lingüística de España.
Pechan os XVI Encontros para a Normalización apelando a un novo marco discursivo para o galego

A segunda e última sesión dos XVI Encontros para a normalización serviu para coñecer a situación da lingua na xustiza pero tamén para achegarnos a outra realidade como son a integración e o plurilingüismo que se producen a través da inmigración.

Da problemática na xustiza á necesidade dun novo marco lingüístico
Francisco Caamaño, ministro de Xustiza entre 2009 e 2011, participou no debate para poñer sobre a mesa un dos temas de actualidade sobre cuestións de idioma que é o feito de que son os tribunais os que acaban resolvendo os conflitos lingüísticos. Na súa opinión: “cantas menos normas hai, máis capacidade teñen os tribunais de decidir e o que chega aos xuíces é o conflito”. Tras a exposición de casos que sentaron xurisprudencia en materia lingüística, Caamaño aprecia un cambio na xustiza, que comeza a considerar a lingua como un dereito colectivo e non só como un dereito individual. Ademais, defendeu a creación dun Consello das Linguas, sobre o que xa existe unha iniciativa no Senado e que evitaría a xudicialización do conflito.

Nesta sesión tamén se abordou a política lingüística dentro do marco europeo. Para iso, as profesoras Alba Nogueira e Carmen Alén situaron os idiomas no marco da política europea e, nomeadamente, na Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias, e alertaron dun incumprimento reiterado por parte do Goberno central.

Xa no serán, o investigador social e analista político Xaime Subiela analizou a sociolingüística e a glotopolítica en galego, describindo a situación de partida, os procesos a favor e en contra así como as características da política lingüística galega. Subiela defende na súa intervención a necesidade de crear un novo marco discursivo para o galego, que debe recuperar a idea do multilingüismo como un activo, buscar unha liberdade real para todos e comprender o galego como un ben común. Canda el, Héctor Silveiro ofrece un achegamento á situación do galego que se fala en zonas limítrofes hoxe en día.

Kit para a normalización
Os encontros serviron tamén para presentar o Kit para a normalización, un sitio web que compila ferramentas e contidos necesarios para a planificación lingüística. É un recurso pensado para facilitar o traballo das persoas que están a participar na normalización do galego, especialmente daquelas que realizan o seu labor desde os concellos de Galicia. O proxecto, froito dun convenio coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, compila información de moi diferente tipo: desde bibliografía, lexislación ou recursos prácticos e necesarios para a elaboración dunha diagnose fiable sobre o contexto, un decálogo de boas prácticas, ata un directorio de entidades relacionadas coa lingua, e materiais de cursos, xornadas, recursos lingüísticos e webs de referencia.

Na primeira sesión: as linguas cooficiais
Miquel Pradilla, profesor titular de Fonética e Fonoloxía e de Sociolingüística do Departamento de Filoloxía Catalana da Universitat Rovira i Virgili e membro do Institut d’Estudis Catalans e do Consell Social de la Llengua Catalana da Generalitat de Catalunya, foi o primeiro en intervir e ofreceu un panorama de actualidade sobre as últimas cifras do uso, oficialidade do catalán, así como da aplicación do catalán nas Illas Baleares. Precisamente, o Tribunal Superior de Justicia de Baleares (TSJIB) declarou este martes nulo o decreto do Govern que regula a aplicación do Tratamento Integral de Linguas, que introduce o inglés nas aulas. O viceconselleiro de Política Lingüística do Goberno Vasco, Patxi Batzarrika, debuxou o caso vasco, que se caracteriza por un incremento no número de falantes en eúscaro (318 000 máis nas últimas tres décadas, tendo en conta que a poboación só aumentou 38 000 persoas) e un aumento do número de pais e nais que escollen este idioma para escolarizar os seus fillos como lingua vehicular. David Guardado, pedagogo e profesor, ofreceu a perspectiva do caso asturiano, que si está recoñecido polo seu estatuto aínda que non goza de oficialidade.

Accede ao Kit desde aquí

Outras noticias que che poden interesar: