NOTICIA

----

Un seminario revisa a figura de B. J. Feijoo no 250 aniversario da súa morte

“Benito Jerónimo Feijoo foi un referente dentro da recuperación da identidade galega do século XIX e queremos destacar aspectos do seu pensamento que aínda teñen vixencia”. Francisco Díaz-Fierros sintetiza así a esencia do seminario B.J. Feijoo. Renovador do Pensamento da Ilustración que o Consello da Cultura Galega desenvolve o vindeiro 9 de outubro no Liceo de Ourense e que coincide co 250 aniversario do seu pasamento. Xa está aberto o prazo de inscrición (que se pode facer a través do web do CCG) e hai cen prazas.

A influencia e a relevancia da figura e a obra de B. J. Feijoo na ilustración están moi estudadas. Non o foi tanto o seu papel dentro da recuperación da identidade galega do século XIX. Para iso, o seminario, coordinado por Francisco Díaz-Fierros, destinará tres relatorios, que afondarán na figura do pensador na cultura galega. A primeira delas é a do propio coordinador e está encamiñada a dar unha visión xeral do que foi a recepción de Feijoo en Galicia. “Atopar referencias e alusións de Sarmiento e Feijoo na elite cultural da época serviu para recuperar o noso prestixio” apunta Díaz-Fierros. Canda el, Xosé Ramón Barreiro Fernández ofrecerá unha nova ollada sobre a obra do mestre Feijoo tomando como referencia o legado deixado sobre o frade por dúas intelectuais como foron Concepción Arenal e Emilia Pardo Bazán.

O profesor da universidade de Vigo Luis Rodríguez Ennes enriquecerá esa visión de conxunto do que Feijoo significou para a cultura galega, cun relatorio encamiñado a trazar a vixencia do seu pensamento no ámbito xurídico-social.
O programa complétase con dúas conferencias máis, unha a cargo de Inmaculada Urzainqui, profesora da Universidade de Oviedo e do Instituto Universitario Feijoo de Estudos do Século XVIII, que situará o seu legado nos inicios da historiografía da cultura. Pecha este seminario Antonio Lafuente cunha conferencia titulada “Unha segunda ilustración no século XXI”.

Os galegos da ilustración
Coa recuperación da figura de B. J. Feijoo, o Consello da Cultura Galega volve prestar atención a unha etapa moi destacada da nosa historia: o século XVIII. Definido por Otero Pedrayo como o “dourado outono”, foi unha época de florecemento económico e intelectual na que destacaron as figuras de Benito Feijoo e Martín Sarmiento. Foi este último quen sentou a bases do desenvolvemento do galeguismo contemporáneo e forxou un dos máis importantes e orixinais legados da Ilustración española. O CCG prestou atención a Sarmiento nos últimos tempos cun proxecto de recuperación documental, un congreso e unha exposición.

B. J. Feijoo, o primeiro ensaísta moderno
Benito Jerónimo Feijoo (Pereiro de Aguiar, 1676- Oviedo, 1764) definíase a si mesmo como "cidadán libre da república das letras". Naceu en Ourense, no seo dunha familia fidalga e aos catorce anos ingresou na Orde Beneditina do mosteiro de San Xulián de Samos. A educación relixiosa e o voto de pobreza condicionarán a súa vida posterior e os seus escritos porque someteu todos os seu xuízos á ortodoxia católica. O seu coñecemento estivo marcado por varios trazos da súa personalidade: dunha banda, a súa gran curiosidade, que o mantiña alerta das novidades europeas no campo das ciencias experimentais e humanas; e doutra banda, o seu estilo sinxelo e comunicativo, que o converteu nun gran divulgador.

Non publicou ningunha das súas obras ata despois de 1975. Chamoulles discursos (de discorrer, é dicir, de disertar libremente). Todos eles se agrupan en oito volumes e un adicional do seu Teatro Crítico. Canda eles publicou as Cartas eruditas y curiosas, que son 166 ensaios máis breves que viron a luz entre 1742 e 1760. Complétase a súa biobliografía co tomo Adiciones editado en 1783.

As súas ideas renovadoras e o seu modernismo no estético (ante posturas que logo defendería o Romanticismo) valéronlle numerosas e feroces críticas, sobre todo entre os frades tomistas e os escolásticos.