NOTICIA

----

O seminario sobre B. J. Feijoo pon de manifesto a vixencia do seu pensamento

A súa ansia de sabelotodo (libido sciendi), lector voraz, precursor en cuestións xurídico-sociais, a conciencia crítica da primeira metade do século XVIII. Foron moitos os aspectos do pensamento de Benito Jerónimo que saíron a relucir no marco do seminario seminario “BJ Feijoo. Renovador do pensamento da ilustración” que se desenvolveu na xornada de hoxe xoves no Liceo de Ourense. Unha cita organizada polo Consello da Cultura Galega e que se insire dentro das actividades previstas para conmemorar o 250 aniversario do pasamento deste ilustre ourensán. Ademais, Francisco Díaz-Fierros, coordinador desta cita, asegura que serviu para dar a coñecer o papel que “Benito Jerónimo Feijoo desempeñou dentro da recuperación da identidade galega do século XIX”.
O seminario sobre B

A xornada serviu para poñer de manifesto a relevancia do seu pensamento que sigue vixente a día de hoxe. “É certo que neste inicio do século XXI parece decaer o interese pola figura de Feijoo, pero o seu pensamento segue a ser importante polo seu método científico, que é ese espírito crítico que permite distinguir o que é verdade do eque é mentira” apuntou Francisco Díaz-Fierros. Ademais, o seminario serviu para o papel que desenvolveu Feijoo dentro da recuperación da identidade galega do século XIX. “Atopar referencias e alusións de Sarmiento e Feijoo na elite cultural da época serviu para recuperar o noso prestixio” apuntou na súa intervención o coordinador desta cita. Canda el, Xosé Ramón Barreiro Fernández ofreceu unha nova ollada sobre a obra do mestre Feijoo, tomando como referencia o legado deixado sobre o frade por dúas intelectuais como foron Concepción Arenal e Emilia Pardo Bazán.
O papel imprescindible do legado de Feijjo para comprender como chegaron os primeiros alentos da modernidade a Galicia foi un dos aspectos que destacaron as autoridades na inauguración, na que estiveron presentes Francisco Novoa, vicepresidente do Liceo, María Mercedes Galego Esperanza, xefa territorial da consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en Ourense, Ana Garrido, concelleira de Cultura de Ourense e Virxilio Rodríguez, vicerreitor da Universidade de Vigo.

A vixencia do pensamento
“Benito Jerónimo Feijoo foi, xunto con Jovellanos as figuras máis detacadas do século XVIII” afirmou Luis Rodríguez Ennes, profesor da Universidade de Vigo. Durante a súa intervención fixo fincapé no novidoso e no tremendamente adiantado que era o pensamento do ilustrado. “Feijoo planteou fórmulas para evitar a lentitude da xustiza que aínda non foron aplicadas hoxe” explicou. Na súa intervención explicitou cuestións xurídicas ás que Feijoo atendeu hai douscentos anos e que teñen plenamente vixencia hoxe (a idade penal, os enterramentos, os trasvases de auga foron algúns dos exemplos citados). Foi a profesora da Universidade de Oviedo e do Instituto Universitario Feijoo de Estudos do Século XVIII, Inmaculada Urzainqui, quen incidiu en situar o legado nos inicios da historiografía da cultura. Nese sentido, puxo especial fincapé no carácter divulgador científico que inciiou o padre Feijoo. Pecha este seminario Antonio Lafuente cunha conferencia titulada “Unha segunda ilustración no século XXI”.

Audio de Otero Pedrayo falando sobre Feijoo
Co gallo do II Centenario da morte de Benijo Jerónimo Feijoo y Montenegro, o Instituto de Ourense acolleu unha conferencia de Ramón Otero Pedrayo. Era 1964, e Xulio Francisco Ogando presentaba a Otero Pedrayo, quen destacou a figura, pensamento e escritos de Feijoo. A gravación, que está na rede a disposición dos usuarios, forma parte do fondo inédito do Arquivo da Palabra pertencente ao Arquivo Sonoro de Galicia.

Os galegos da ilustración
Coa recuperación da figura de B. J. Feijoo, o Consello da Cultura Galega volve prestar atención a unha etapa moi destacada da nosa historia: o século XVIII. Definido por Otero Pedrayo como o “dourado outono”, foi unha época de florecemento económico e intelectual na que destacaron as figuras de Benito Feijoo e Martín Sarmiento. Foi este último quen sentou as bases do desenvolvemento do galeguismo contemporáneo e forxou un dos máis importantes e orixinais legados da Ilustración española. O CCG prestou atención a Sarmiento nos últimos tempos cun proxecto de recuperación documental, un congreso e unha exposición.