El Corte Inglés, Estrella Galicia, Gadis, Martín Códax, Red Bull, SuperBock son marcas privadas que comparten un denominador común: ser dinamizadoras da industria musical. Representantes de marketing e comunicación destas empresas participarán o vindeiro xoves 16 de outubro nunha xornada encamiñada a coñecer iniciativas de financiamento para proxectos musicais.
Xaime Fandiño, que coordina esta cita, será o encargado de abrir a sesión cunha conferencia que fará unha radiografía do estado actual das iniciativas de financiamento para proxectos musicais. Nela ofrecerá datos que manexa o equipo de investigación Canal Campus, pertencente ao Grupo de Investigación de Estudos Audiovisuais da USC, que estudou a nosa industria musical. Esta entidade colabora xunto co Consello da Cultura Galega na organización deste encontro.
O obxectivo último é coñecer de primeira man as necesidades, intereses e demandas do sector respecto de políticas públicas. A Lei de mecenado e os incentivos fiscais son, xunto coas axudas directas, os principais mecanismos que teñen as administracións para incidir directamente no sector musical.