----

O Consello da Cultura Galega fai públicos os informes sobre a canalización do río en Sarria e os usos do Castelo de Monterrei

Con data do 14 de maio tivo entrada no Rexistro do Consello da Cultura Galega, a solicitude da Plataforma Sarriana polo río sobre o plan de Canalización do Río Sarria e Celeiro ao seu paso por esta localidade lucense. Oito días despois, a Plataforma en Defensa do Castelo de Monterrei e a Asociación Cultural Alto Támega, solicitaban outro informe sobre os usos do Castelo de Monterrei. A primeira petición foi atendida de maneira conxunta polas Seccións de Natureza, Ciencia e Sociedade que coordina Francisco Díaz-Fierros, e a de Patrimonio e Bens Culturais que coordina Iago Seara. Mentres que a segunda, relativa a Monterrei, correspondeulle exclusivamente á sección de Patrimonio e Bens Culturais.

Os informes, que xa se poden consultar deste o web da institución, foronlles remitidos ás entidades solicitantes, así como ás diferentes institucións e entidades relacionadas con ambas actuacións.

A canalización do río en Sarria
O informe establece a orde de importancia na que deberían ser preservados os elementos afectados no plan de encauzamento do río Sarria e Celeiro ao seu paso pola localidade de Sarria. O texto sitúa en primeiro lugar, por ser "insubstituibles" e "elementos naturais indiscutibles que definen a paisaxe de Sarria", o patrimonio natural do contorno fluvial limitado polas pontes da rúa Castelao e de Ferrol. É dicir, o bosque de ribeira de olmos e ameneiros así como as dúas pequenas illas situadas no leito. En segundo lugar, estarían os restos antigos que se conservan da Ponte de Ribeira, seguidos da existencia de arquitectura preindustrial que se verán afectadas pola demolición da antiga presa. O informe indica que "tería sido máis oportuno un diálogo previo entre as partes para chegar a un principio de acordo" e establece que a xerarquización dos criterios encontrados sería un paso previo necesario. Neste sentido, opta pola fórmula das "Conferencia de consenso" postas en práctica con éxito en diferentes países para chegar a unha solución. Ademais, o Consello da Cultura Galega ofrécese a que "se as partes así o estimasen, facer de mediador para que esta Conferencia se puidese levar a cabo".

Usos do Castelo de Monterrei
A sección de Patrimonio e Bens Culturais atendeu a petición que a Asociación Cultural Alto Támega e a Plataforma en Defensa do Castelo de Monterrei solicitaron por rexistro o 22 de maio deste ano. Tendo en conta a información achegada polas plataformas na súa petición, visitas particulares e reunións con representantes das diferentes institucións que promoven a actual reforma e construción dun hotel no interior do Castelo, así como os valores históricos, artísticos, culturais e patrimoniais do Ben de Interese Cultural sobre o que se afecta o informe establece tres conclusións. En primeiro lugar, considera necesario revisar a figura de protección actual para o Castelo de Monterrei (Ben de Interese cultural individual). Segundo o informe "non é unha figura de protección suficiente, xa que forma parte dun Conxunto Histórico que supón unha cadea de relacións espaciais onde se articulan espazos construídos, e os baleiros formando, xunto co territorio, un ambiente". Ademais, ofrece unha proposta de delimitación de "Sitio ou Conxunto Histórico de Monterrei". A segunda conclusión, considera que "debe revisarse o destino para un uso hosteleiro dunha parte actual do edificio do Castelo". Propón elaborar ou rematar un Plan Director do Castelo que contemple uns detalladados estudos previos e que inicidan no seu papel como elemento dinamizador da comarca.

Por último, o informe pon de exemplo da relación entre cidadanía e patrimonio no caso do Castelo de Monterrei. "Probablemente, o problema é que moitas veces se actúa sobre o patrimonio sen ter en conta que este é unha construción social, a que a cidadanía quere que sexa”. Por iso, pentende que "antes de continuar coas obras no sentido do proxecto reformado, sería oportuno ter en conta as consideracións deste informe". Ademais, volve propor a realización de "conferencias de consenso" para establecer unha converxencia e síntese dos diferentes criterios e valoracións.

Consulta os informes sobre os Usos dos Castelo de Monterrei e sobre o Proxecto de adecuación do leito e ordenación das marxes dos Ríos Sarria e Celeiro no Termo Municipal de Sarria (1ª fase)