Un seminario do Consello da Cultura Galega analiza as novas migracións por mor da crise

Un posto de traballo, estranxeiros que voltan á casa, descendentes de galegos que retornan ás súas patrias de nacemento. Son moitas as casuísticas que engloban un novo movemento migratorio en Galicia. As tipoloxías, as primeiras cifras deste fenómeno son algúns dos asuntos que se pretenden analizar nas xornadas Novas mobilidades nun contexto de crise, que terán lugar o 21 e o 22 de outubro no Consello da Cultura (CCG). Está aberto o prazo de inscrición, que se pode formalizar a través da páxina web da institución (é de balde e hai cen prazas).

Galicia é un país de migracións. Foino no pasado, ben coñecida é a migración do século XX motivada cara a América e, en menor medida, cara ao resto de Europa. E tamén o é agora no presente. A boa situación económica provocou hai uns anos tanto o retorno dos descendentes daqueles emigrantes do século anterior, como a doutros estranxeiros na procura dunha vida mellor, pero a crise motivou un novo ciclo migratorio. Isto tradúcese na saída de galegos cara ao exterior e o regreso de moitas colectividades que chegaron á luz da bonanza económica.
As cifras, as tendencias, as actitudes pero tamén a tipoloxía destas novas mobilidades son obxecto de análise por sociólogos, xeógrafos, antropólogos nun encontro coordinado pola profesora da Universidade da Coruña, Laura Oso.

As xornadas
Antonio Izquierdo Escribano, catedrático de Socioloxía da Universidade da Coruña, é o encargado de abrir unha cita cunha conferencia que pretende explicar as tendencias e actitudes ante as mobilidades e as migracións. Será Andreu Domingo, subdirector do Centro de Estudos Demográficos e profesor asociado no Departamento de Xeografía da UAB, quen lle porá cifras e etiquetas a estes movementos. Xa pola tarde, as profesoras da Universidade da Coruña Obdulia Taboadela e Antía Pérez ofrecerán estudos de caso concretos deste tipo de mobilidades. Amparo González Ferrer, científica do Centro de Ciencias Humanas e Sociais do CSIC, falará de “Inmigración, emigración e nacionalidade: fronteiras difusas”.
As xornadas rematarán o día 22 coa contribución de Jorge Malheiros, profesor do Instituto de Geografia e Ordenamento do Território da Universidade de Lisboa, que falará das “novas migracións entre o sur e o norte de Europa: cadro de fluxos e respostas políticas”. Canda el, Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral de Emigración da Xunta de Galicia, reflexionará sobre a Galicia Exterior a raíz de conceptos como galeguidade, emigración e cidadanía.

Outras noticias que te poden interesar: