NOTICIA

----

Unha xornada do Consello da Cultura analiza o patrocinio privado no financiamento de proxectos musicais

El Corte Inglés, Estrella Galicia, Afundación, Martín Códax, Red Bull, SuperBock son marcas privadas que comparten un denominador común: ser dinamizadoras da industria musical. Representantes de marketing e comunicación destas empresas participarán mañá na xornada O financiamento de proxectos musicais a partir do patrocinio privado. A xornada pódese seguir en directo a través do web da institución.

No contexto actual de crise económica non ten cabida a fórmula dos grandes concertos musicais financiados con cargo a fondos públicos. Isto obriga a repensar as fórmulas de investimento público á hora de organizar proxectos deste tipo. A xornada O financiamento de proxectos musicais a partir do patrocinio privado sentará na mesma mesa a profesionais da industria musical para analizar as necesidades deste novo escenario.

Xaime Fandiño, que coordina esta cita, será o encargado de abrir a sesión cunha conferencia que fará unha radiografía do estado actual das iniciativas de financiamento para proxectos musicais. Nela ofrecerá datos que manexa o equipo de investigación Canal Campus, pertencente ao Grupo de Investigación de Estudos Audiovisuais da USC, que estudou a nosa industria musical. Esta entidade colabora xunto co Consello da Cultura Galega na organización deste encontro.

O obxectivo último é coñecer de primeira man as necesidades, intereses e demandas do sector respecto de políticas públicas. A Lei de mecenado e os incentivos fiscais son, xunto coas axudas directas, os principais mecanismos que teñen as administracións para incidir directamente no sector musical.