----

O Consello da Cultura e a Fundación Barrié presentan as unidades didácticas para achegarlles a ciencia aos escolares

O navegante Pedro Sarmiento de Gamboa, o veterinario Juan Rof Codina, o médico Roberto Nóvoa Santos e o naturalista Ramón de la Sagra son os catro científicos que inauguran as unidades didácticas do Álbum da Ciencia e educaBarrié. É un dos resultados do convenio asinado entre o Consello da Cultura Galega e a Fundación Barrié que procura achegarlle a ciencia á comunidade escolar e que foi presentado hoxe en rolda de prensa. Francisco Díaz-Fierros, vicepresidente do Consello da Cultura Galega; Javier López Martínez, director xeral da Fundación Barrié; e Xosé Antón Fraga, responsable do Álbum da Ciencia incidiron, no carácter colaborativo desta proposta que amosa referentes do pasado e pon estímulos no camiño dos máis novos.
O Consello da Cultura e a Fundación Barrié presentan as unidades didácticas para achegarlles a ciencia aos escolares

“O Álbum da Ciencia non ten comparación en toda España nin polo volume de información presentado nin polo soporte dixital no que está” apuntou Francisco Díaz-Fierros, vicepresidente do Consello da Cultura Galega e responsable da sección DE Ciencia, Natureza e Sociedade. Canda el, o director xeral da Fundación Barrié, Javier López Martínez, incidiu no valor desta colaboración porque “se no Álbum da Ciencia temos o pasado e o presente da investigación científica, nós pensamos no futuro, polo que unha das liñas de actuación é espertar vocacións na comunidade escolar”. O responsable do proxecto, Xosé Antón Fraga, incidiu na adaptación dos contidos científicos para a comunidade escolar. Nesta liña, avanzou que en novembro haberá obradoiros de formación para profesorado en diferentes cidades galegas e que xa está en marcha unha nova edición do Preguntoiro Científico, un concurso dirixido a escolares que toma como base os contidos do Álbum da Ciencia.

Unha colaboración para a divulgación científica
Desde o ano 2007, o Consello da Cultura Galega promove o proxecto Álbum da Ciencia co obxectivo de divulgar a investigación e a ciencia entre a sociedade en xeral. Hoxe en día suma preto de 300 entradas que dan a coñecer as biografías de científicos e científicas do país. “Unha parte substancial do I+D histórico do país, unha especie de Academia das Ciencias virtual” segundo explica Francisco Díaz-Fierros, coordinador da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade, que promove o Álbum da Ciencia.
Pola súa banda, a Fundación Barrié, a través de educaBarrié, colabora no achegamento desta iniciativa á comunidade educativa coa elaboración e difusión de materiais didácticos sobre a vida e a obra dos científicos presentes no Álbum da Ciencia para uso na aula, así como no desenvolvemento de actividades para escolares e familias, como o concurso Preguntoiro Científico. A divulgación da ciencia e o achegamento dos máis novos ás disciplinas de tecnoloxía forman parte do traballo da Fundación Barrié.

Catro unidades didácticas, catro científicos
As unidades didácticas así como a información dos catro persoeiros que conforman esta iniciativa xa están dispoñibles desde os webs do Consello da Cultura Galega e de educaBarrié. EducaBarrié é unha rede de profesores, estudantes, pais, nais, investigadores... interesados nun novo modelo de educación e unha plataforma web desde a que a Fundación Barrié apoia os docentes e aposta pola innovación educativa.

Pedro Sarmiento de Gamboa. O navegante Pedro Sarmiento tivo unha vida intensa, inmersa en relevantes proxectos, e foi un home de acción, valente e arriscado. O seu principal obxectivo consistiu na exploración do “mar austral” do Pacífico sur. O seu periplo xerou unha valiosa e variada documentación e produción escrita pola que o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) decidiu poñerlle o seu nome a un barco destinado á investigación nas augas do océano Atlántico, con base no peirao de Vigo.

Roberto Nóvoa Santos. Médico e pensador, é considerado o especialista de maior relevo na historia da medicina en Galicia. Destacou por ser un modernizador do ensino e da práctica da medicina en España nas primeiras décadas do século XX. Do seu legado destacan dúas facetas: a de científico e médico no estudo da diabetes, e a de antropológo-psicólogo, que sobresae pola complexidade e os enfoques dos temas que trata.

Ramón de la Sagra. Foi un personaxe complexo e con variados intereses. Pódese considerar o primeiro agrónomo do continente americano, por mor de todo un traballo de transformación, estudo da agricultura e a industria azucreira na illa de Cuba, onde pasou unha parte importante da súa vida. De volta en Europa, desenvolveu un interesante traballo de divulgación científica e social, alén dun intenso papel político en España, que o levou a defender un proxecto utópico de defensa dos máis desfavorecidos e a necesidade da rexeneración do tecido social e económico.

Juan Rof Codina. Destacou pola loita contra o intrusismo profesional e por erradicar comportamentos afastados da ciencia no ámbito da veterinaria, cimentando o futuro desta profesión. Foi un dos técnicos que traballou polo desenvolvemento técnico e produtivo da agricultura e da gandeiría galega ao finais do século XIX e principios do XX.


Consulta as entradas de Pedro Sarmiento de Gamboa, Roberto Nóvoa Santos, Ramón de la Sagra Ramón de la Sagra e
Juan Rof Codina no Álbum da Ciencia