NOTICIA

----

Un seminario do Consello da Cultura pon rostro e cifras ás novas migracións por mor da crise

Hoxe en día estamos inmersos nunha nova etapa migratoria. “Hai moitas tipoloxías de movementos, desde estudantes novos que buscan novas oportunidades laborais ata o retorno de emigrantes que volven aos seus países de orixe” explica Laura Oso, profesora da Universidade da Coruña que coordina o seminario Novas mobilidades nun contexto de crise, que arrinca mañá no Consello da Cultura Galega. Unha cita que poñerá cifras pero tamén ofrecerá a voz dos protagonistas deste fenómeno que ten importantes repercusións sociais, culturais e políticas.

As primeiras cifras dos novos movementos migratorios, a súa tipoloxía, as actitudes que iso xera e varios estudos de caso son algúns dos obxectivos que persegue o seminario. E vaino facer desde a análise de xeógrafos, antropólogos e sociólogos. Esta cita desenvólvese no marco dun convenio de colaboración asinado entre o Consello da Cultura Galega e a Secretaría Xeral de Emigración.

As xornadas
Antonio Izquierdo Escribano, catedrático de Socioloxía da Universidade da Coruña, é o encargado de abrir unha cita cunha conferencia que pretende explicar as tendencias e actitudes ante as mobilidades e as migracións. Será Andreu Domingo, subdirector do Centro de Estudos Demográficos e profesor asociado no Departamento de Xeografía da UAB, quen contabilizará esta nova realidade, ofrecendo os primeiros indicadores estatísticos, e identificará as principais casuísticas.

Na sesión da tarde, as profesoras da Universidade da Coruña Obdulia Taboadela e Antía Pérez serán as encargadas de poñerlles rostros a esas cifras. No caso de Taboadela, ofrecerá as cifras dun estudo realizado a nivel europeo sobre as migracións de estudantes Erasmus. Unha investigación que, entre outros resultados que explicará na súa intervención, evidencia as oportunidades laborais que se lles abren aos estudantes que participan neste programa de mobilidade. Canda ela, Antía Pérez ofrecerá as conclusións dun estudo cualitativo que analiza a emigración española en Alemaña: a problemática social, as causas, formas de integración social e permitirá coñecer a voz dos protagonistas destes novos éxodos. No caso de Idelfonso de la Campa Montenegro, ofrecerá un perfil das mobilidades a través dos datos recollidos nos centros galegos de diferente países.

As xornadas rematarán o mércores coa contribución de Jorge Malheiros, profesor do Instituto de Geografia e Ordenamento do Território da Universidade de Lisboa, que describirá e analizará algunhas das repostas políticas ante esta nova situación. Casos como o de Suíza e de Alemaña, cuxos gobernos están a desenvolver políticas restritivas con estas novas mobilidades. Canda el, Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral de Emigración da Xunta de Galicia, reflexionará sobre a Galicia Exterior a raíz de conceptos como galeguidade, emigración e cidadanía.

O seminario pódese seguir en directo a través do web do Consello da Cultura Galega.